O comité de Vestas confía na Xunta para buscar unha saída

O comité de Vestas e a Xunta abordarán o contido da reunión dos traballadores coa multinacional, que xa comezou a enviar as cartas de despedimento.
Reunión da mesa industrial de Vestas o pasado 13 de outubro (Foto: Conchi Paz)
photo_camera Reunión da mesa industrial de Vestas o pasado 13 de outubro (Foto: Conchi Paz)

A mesa industrial aberta polo conflito da fábrica de Vestas en Chavín (Viveiro) reúnese esta sexta feira por petición do comité de empresa. A cita está prevista para as 11 horas, mais desta vez o lugar elixido é a Consellería de Emprego.

Segundo explica a Nós Diario o presidente do comité da factoría, David Mariño, a reunión non ten que ver coa chegada das cartas de despedimento, senón que é para trasladar o Executivo galego o contido da reunión que mantiveron coa multinacional.

"Gustaríanos ter algunha resposta por parte da Consellería, algún movemento que poidamos facer, algún mecanismo administrativo que empregar no momento no que estamos...", indicou Mariño. 

"O que sexa para desenrocar a posición de Vestas", dixo en alusión á postura da empresa, que segue adiante co seu plan de parar definitivamente a produción o 31 de decembro.

Mobilizacións no aire

Respecto das posíbeis mobilizacións, recoñeceu que o cambio de última hora do lugar de celebración fixo mudar os seus plans. Agardarán á semana que vén, tamén pendentes do que saia da reunión desta sexta, para actuar na defensa dos seus intereses laborais.

"Como comité de empresa, a través do diálogo, sabemos que non temos moito máis que facer. Pero si que entendemos que se alguén pode cambiar a situación é a Xunta", indicou o presidente do comité .

"Non pedimos milagres, só esa intermediación, digamos máis poderosa, e a ver se así hai un cambio de opinión ou unha alternativa" pois, como apuntou, "pode ser con outra compañía ou mesmo actuando como subcontrata de Vestas".  

Comentarios