mércores 27.05.2020

O comité presenta conflito colectivo contra o ERTE de Ferroatlántica por fraudulento

Considera que as causas alegadas pola empresa son “inexistentes” e “fraudulentas”.

O comité presenta conflito colectivo contra o ERTE de Ferroatlántica por fraudulento

O comité de Xeal (antes Ferroatlántica) presentou demanda de conflito colectivo contra o expediente de suspensión de contratos  e reducións de xornada para as fábricas de Cee e Dumbría e as centrais hidroeléctricas, ao entender que as causas alegadas son inexistentes e fraudulentas.

Para a representación social, a empresa” estase aproveitando da emerxencia sanitaria derivada da Covid19 para avanzar no plan de cese de actividade dos fornos e no desmantelamento das fábricas posto en marcha a principios de ano; e ao tempo aforrar cartos a conta da pandemia”.

Indican que a empresa alega causas organizativas para dar este paso, mais o sistema rotativo de quendas proposto durante a regulación “é o mesmo que xa se estaba realizando”.

A diferenza, di o comité, é que, estando en ERTE, “a empresa deixa de asumir con fondos propios o custo das xornadas laborais sen prestación de servizos, que pasa a financiarse con cargo ás prestacións por desemprego das traballadoras e traballadores.”

Critican ademais que a dirección “non quixese entrar a negociar nin valorar en ningún momento as alternativas propostas pola representación social”.

O comité “indica que “non hai que esquecer que a empresa se negou en redondo a limitar a vixencia do ERTE á duración do estado de alarma (quere aplicalo até o 3 xullo); ofrecer garantías de rearranque dos fornos; retirar o ERTE previo (que malia estar asinado dende hai máis de un ano non se executou); pór en marcha o necesario plan de viabilidade; ou retirar os recursos contra a resolución administrativa de Augas de Galiza impedindo a segregación de actividades”.

Por último, denuncia a “nula preocupación” da Xunta.

comentarios