O comité de Navantia alerta de que o BAM non empregará a máis de 270 operarios

O portavoz do comité de empresa de Navantia Ferrol, Ignacio Naveiras (CCOO), cifrou en 269   -na factoría son hoxe perto de 2.300- o número de operarios do plantel principal que participarán na construción do Buque de Acción Marítima (BAM).

A construción do navío foi anunciada esta cuarta feira en Compostela polo presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo; o máximo responsábel da Sociedad Estatal de Participaciones Industriales –SEPI-, Ramón Aguirre, e mais o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela.

O portavoz do comité de empresa de Navantia Ferrol, Ignacio Naveiras (CCOO), cifrou en 269    -na factoría son hoxe perto de 2.300- o número de operarios do plantel principal que participarán na construción do Buque de Acción Marítima (BAM) anunciado esta cuarta feira en Compostela polo presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo; o máximo responsábel da Sociedad Estatal de Participaciones Industriales –SEPI-, Ramón Aguirre, e mais o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela.

Naveiras sinalou que un simple cálculo matemático permite botar por terra a estimación gubernamental de que cada buque ocupará a medio milleiro de persoas. “1,1 millóns de horas entre 1.700 (que é a xornada anual media dun traballador do naval) e entre os dous anos e medio que durará o programa dan como resultado 269”, explicou o portavoz do comité.

Naveiras recoñeceu que a contratación do BAM “é positiva”, pero, precisou, “non co alcance que lle pretende dar o Partido Popular”, pois entre este e o flotel “non solucionan as necesidades do plantel principal”. “É un alivio no curto prazo sempre que a súa construción poida simultanearse co flotel, mais segue sen avanzar nos compromisos pendentes”.

Artificio pre-electoral

O comité si criticou con dureza o “artificio pre-electoral” que supón este anuncio cunhas eleccións a pouco máis de dúas semanas vista e botou man da experiencia do flotel, que foi anunciado en setembro de 2012, 16 meses antes de que Pemex adxudicase a súa construción a Navantia.
Pola súa banda, o secretario comarcal da CIG e membro da sección sindical de Navantia Ferrol, Manel Grandal, apuntou que “cando un ten fame, unha faba non é unha fabada, mais é unha faba” e engadiu que o traballo que xerará o BAM é aínda menos que o flotel -1,2 millóns de horas de traballo por 1,1 millóns do “barco gris” do que falou Montoro en marzo-, polo que emprazou aos traballadores e mais á cidadanía a “non perder a perspectiva por esta milonga de pre-campaña”. Instou Grandal a centrarse nas verdadeiras demandas que poden garantir a viabilidade a longo prazo dunha compañía como Navantia, isto é: o fin do veto á construción naval civil e a construción do dique flotante.
Grandal pediulle a Feijóo que se realmente quere facer valer o seu pero político “cumpra a Lei do Sector Naval” aprobada polo Parlamento galego no ano 2010, sendo xa presidente da Xunta.

Comentarios