O comité de folga urxe a Urbaser a retirar @s furagreves

Lembran que até o de agora a greve "foi limpa" mais que de non cesar na contratación de persoal foráneo, "a responsabilidade vai caer sobre alguén". 

Urbaser
photo_camera Urbaser

Cumpridos perto de corenta días de folga na recollida de lixo de Lugo o conflito mantense aberto á espera de se reiniciaren as negociacións. Para isto, Urbaser enviou directivos desde Madrid que nos vindeiros días poderían iniciar as conversas co comité de folga. Até iso se producir, a empresa concesionaria do servizo mantén a presenza de persoal foráneo na recollida dos puntos considerados de risco sanitario. Un feito que desde o comité coidan está a ensuxar a folga. 

Neste senso, urxen a Urbaser a retirar @s furafolgas, porén, a empresa asegura que continuará empregando traballador@s doutras localidades para retirar os residuos. 

Unha folga limpa

O secretario do comité, Julio Pacios (UGT) asegurou nos últimos días que até o momento "a folga foi limpa" non se producindo ningún incidente durante os actos de protesto nen tampouco ao se detectaren a incorporación de furagreves. No entanto, advertiu a Urbaser que de non se retiraren @s operari@s foráne@s "a responsabilidade vai recaer sobre alguén". 

O comité advirte que de se manteren @s furafolgas "a responsabilidade vai recaer sobre alguén"

A reiterada actitude de Urbaser no incumprimento do dereito a folga xa foi denunciada perante Inspección de Traballo, que levantou unha acta ao respeito. "Agora non tería que haber ninguén traballando", sinalou na terza feira Pacios, "e están barrendo e baldeando a cidade coma se foran traballadores normais, co que se volve vulnerar o noso dereito a folga", mesmo con escolta policial. 

Para o comité e o persoal de Urbaser este facto constitúe "unha provocación da empresa" polo que "a xente non vai responder" se continúan, subliñou. 

Pola súa banda, desde o Concello de Lugo insisten en que se trata dun "problema empresarial" polo que non entran a valorar o conflito entre o persoal e Urbaser. Aliás, através do concelleiro de Medio Ambiente, Luís Álvarez, aseguran estar "cansos" da situación mais "non agotados" polo que, din, continuarán a "procurar unha solución" promovendo novos encontros entre traballador@s e Urbaser. 

Comentarios