Comité de Ferroatlántica rexeita o ERTE por “fraudulento” e “avanzar no desmantelamento das factorías”

Denuncia que a empresa quer aproveitar a crise sanitaria “para aforrar custes a conta das prestacións por desemprego e xustificar novos recortes na produción”.

Concentracion Ferroatlantica Cee (CIG)
photo_camera Concentracion Ferroatlantica Cee (CIG)

O comité de Xeal (antes Ferroatlántica) rexeita o ERTE que a empresa pretende aplicar nas fábricas de Cee e Dumbría e nas centrais hidroeléctricas por entender que “é unha fraude”, acusando a empresa de querer “aproveitarse da crise sanitaria para aforrar cartos e avanzar no plan de recorte da produción”.

A negociación do ERTE rematou sen acordo, explica o comité, que xa anuncia que levara adiante as accións legais que teña en man para evitar que se efectivice unha medida que, afirma, “compromete a viabilidade das fábricas e a propia seguridade do persoal”.

A representación dos traballadores e traballadoras afirma que a empresa alega causas organizativas derivadas da pandemia da COVID 19, “cando en realidade os motivos que esgrime xa se iniciaran previamente coa paralización progresiva da actividade dos fornos, pois non hai que esquecer que o 13 de marzo, (días antes do decreto do estado de alarma), a dirección cesou a produción nos fornos 12 e 21, deixando en activo só dous dos cinco fornos. Esta recorte veuse sumar á rebaixa na produción imposta dende principios de ano coa parada do forno 13”.

Ademais, engaden, non hai excusa para rebaixar a produción, pois está considerada “dentro das actividades industriais esenciais, tanto no ámbito da produción eléctrica como na produción de ferroaliaxes”. O seu provedor e cliente único, Ferroglobe, mantén a produción practicamente a 100% mantén o comité.

Sen negociación

O comité di que presentou unha serie de medidas organizativas alternativas dentro do periodo de consultas, mais a dirección “non quixo entrar a valorar en ningún momento a proposta da parte social e nin sequera trasladou toda a documentación que se lle requiriu”.

De igual maneira, prosegue, a empresa rexeitou limitar a vixencia do ERTE á duración do estado de alarma (“quere aplicalo até o 3 xullo”), ofrecer garantías de rearranque dos fornos, pór en marcha o necesario plan de viabilidade e retirar os recursos contra a resolución administrativa de Augas de Galiza impedindo a segregación de actividades. 

Para o comité, este ERTE “é un chanzo máis na secuencia de recortes de produción e de emprego e no desmantelamento progresivo das fábricas, iniciada coa venda do complexo enerxético-industrial da Costa da Morte ao fondo TPG, que a nova xerencia quere afianzar aproveitándose da emerxencia sanitaria”.

Comentarios