Concentración en Cee

O Comité de Ferroatlántica enceta os protestos coincidindo coa toma de posesión de Feijóo

Ás 17h deste sábado o Comité de Ferroatlántica desenvolverá unha concentración na praza do Concello de Cee para emprazar a Xunta de Galiza a clarificar a súa posición a respeito da venda das centrais hidroeléctricas, que suporán unha ruína para a comarca.

Coincidindo coa toma de posesión de Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta de Galiza, o Comité de Empresa de Ferratlántica enceta o calendario de mobilizacións e faino cunha concentración que terá lugar este sábado ás 17h na praza do Concello de Cee.

Segundo explica o representante do Comité de Empresa Alfonso Mouzo, en declaracións a Sermos Galiza, “Feijóo e a Xunta teñen na súa man parar a venda especulativa que pretende a empresa e que significaría a ruína para a comarca”.

Mouzo: "A única garantía da defensa dos postos de traballo pasa pola non segregación"

Mouzo acusa o Goberno galego de “non estar clarificado” e de “seguir a folla de ruta marcada pola empresa”. Así se demostrou, di, nas intervencións do Partido Popular nos últimos días no Parlamento galego. O sindicalista advirte de que “a única garantía da defensa dos postos de traballo pasa pola non segregación”.

“En 1992, a Xunta dixo non á segregación e mesmo a empresa tivo que ir aos tribunais. Agora pedimos o mesmo, que a Xunta se posicione en contra da segregación e dunha venda que é especulativa e que suporía o feche das fábricas cunha repercusión moi negativa na comarca”, engade o representante dos traballadores. E é que a segregación de actividades era un obxectivo que xa figuraba no plan de viabilidade da empresa nese 1992, cando o Grupo Villar Mir comprou as fábricas e as centrais hidroeléctricas a Carburos Metálicos. Daquela, foron os tribunais de xustiza quen impediron a separación de actividades.