O comité exixe á Xunta que actúe ante a “segregación encuberta” en Xeal

Representantes do persoal de Xeal reuniuse cos conselleiros de Industria e Emprego.

Os traballadores de Xeal volverán saír á rúa para protestar polo novo ERTE (Foto: Nós Diario).
photo_camera Os traballadores de Xeal volverán saír á rúa hai unhas semanas para protestar polo novo ERTE (Foto: Nós Diario).

O comité de XEAL (antiga Ferroatlántica de Cee, Dumbría e centrais) reclamoulle á Xunta que “abandone a pasividade” e que “esixa dunha” vez o plan de viabilidade ao que obrigan as cláusulas das concesións, “ante a segregación encuberta que está a facer a empresa”.

Na reunión mantida co conselleiro Industria, Francisco Conde, e coa conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, os membros do comité reclamáronlle á Xunta que faga valer a lei e criticaron a lentitude coa que está a actuar “diante do desmantelamento das fábricas e da drástica redución da produción”.

O persoal incide en que a vinculación da produción de ferroaliaxes e a enerxética "é a mellor garantía do mantemento dos postos de traballo e da actividade nas fábricas".

Neste contexto, apontan, é obrigado que a empresa presente un plan de viabilidade no que, ademais, debe incluír un plan de reinicio dos fornos.

Para a representación social o novo ERTE constitúe unha “proba evidente de que a operación argallada entre Ferroatlántica e TPG-Ithaka é unha fraude, co único obxectivo de facer unha segregación encuberta das actividades, saltando o establecido nas cláusulas”.

"Isto supón un incumprimento flagrante da concesión ante o que a Xunta debe intervir de inmediato para garantir a salvagarda do interese público, e o mantemento de todos os empregos e da actividade industrial á que está ligado o dereito de explotacións das centrais".

No encontro tamén se demandou da Xunta que actúe contra o ERTE que a empresa comezou a aplicar o pasado 24 de setembro.

Comentarios