O comité de Endesa nas Pontes denuncia o "desmantelamento encuberto" da térmica

O colectivo de traballadores nega un proceso de transición xusto e advirte do risco de seguridade laboral e medioambiental ante a escaseza de persoal.
Torres de refrixeración da central térmica das Pontes (Foto: Endesa).
photo_camera Torres de refrixeración da central térmica das Pontes (Foto: Endesa).

"No que vai de ano, estase a producir unha redución progresiva tanto do persoal propio como das compañías auxiliares, actuacións que implicaron traslados ou despedimentos", denuncia o comité.

Segundo apunta, no mes de agosto xa estaba programada a saída doutro "importante número" de traballadores, que, en palabras da propia empresa, son "parte do seu mellor activo".

Con todo, o comité apunta o trato "inadecuado" que están a recibir os traballadores da eléctrica "nun momento tan complexo e delicado" e critica a "total falta de empatía e o desdén" tanto desde a empresa principal como das compañías auxiliares e das administracións públicas implicadas no proceso.

Transición

"Temos claro que a mal chamada transición xusta na que ninguén quedaría atrás é unha mera proclama. Todo queda moi lonxe da realidade que vivimos os traballadores, con compañeiros con desprazamentos programados este agosto que non recibiron a información adecuada desde recursos humanos de Endesa", lamenta o comité.

Así, entende que é "un exercicio de total e absoluta irresponsabilidade por parte da empresa acometer esta drástica redución de persoal nunha central aínda dispoñíbel e sen un feche aprobado". "Non fai máis que provocar", incide para advertir que as perdas que se están a producir "en determinados momentos e dada a escaseza de persoal, poden derivar en riscos para a seguridade ou o medio ambiente", avisa.

Por último, o comité manifesta o seu apoio aos proxectos alternativos para o emprego "que Endesa quixese presentar para Ferrolterra", acompañados dunha transición "verdadeiramente xusta para todos: persoal propio, auxiliares e transportistas", conclúe.

Comentarios