O comité de Ence pide crear unha mesa de negociación

A empresa non compromete investimentos para a factoría pontevedresa.
Persoal de Ence no complexo da papeleira en Lourizán. (Foto: Jesús Fernández / Europa Press)
photo_camera Persoal de Ence no complexo da papeleira en Lourizán. (Foto: Jesús Fernández / Europa Press)

A continuidade de Ence na ría de Pontevedra é cada vez máis incerta. Hoxe a empresa papeleira aproveitou a presentación de resultados para sinalar que agardan que "nos próximos meses" a Audiencia Nacional emita a súa primeira sentenza sobre a prórroga da concesión.

Ao mesmo tempo, os traballadores do complexo de Lourizán exixiron a creación dunha mesa de diálogo na que sente a Xunta, o Executivo estatal, a empresa, o persoal e "todo aquel que teña capacidade de decisión" co obxectivo de garantir a continuidade dos empregos.

O comité de empresa de fábrica, integrado por CIG, UXT, CCOO e un delegado dun sindicato independente, compareceu onte en  rolda de prensa após manter contactos cos dous vicepresidentes da Xunta, Alfonso Rueda e Francisco Conde, así como cos responsábeis de distintos grupos políticos. O seu presidente, Antonio Lafuente, explicou que os traballadores están preocupados ante a tramitación no Congreso da Lei para o cambio climático e a transición ecolóxica que no seu artigo 18 "limita" a 75 anos, tendo en conta as prórrogas, a duración máxima das concesións da zona de dominio público marítimo-terrestre que estabelece a Lei de Costas, o que suporía que a fábrica de celulosa na ría de Pontevedra teña que fechar no ano 2033.

Mais a "ameaza" máis importante, segundo recoñeceron, é o recurso ante a Audiencia Nacional contra a prórroga concedida o 20 de xaneiro de 2016 polo Goberno en funcións do popular Mariano Raxoi.

Lafuente asegurou que esta inseguridade xurídica está a frear os investimentos na fábrica de Lourizán provocando "que morra por inanición", unha realidade que confirmou a propia empresa durante a presentación de resultados. 

Nesta liña, o representante dos traballadores e das traballadoras de Lourizán manifestou que "se non hai investimento e a situación de inseguridade xurídica se prolonga, a fábrica fechará igual".

O comité ten xuntanzas pendentes cos ministerios de Transición Ecolóxica e Industria, e xa advirten de que "se despois destas reunións" non obteñen "unha proposta de negociación sobre a mesa", terán "que expor outro tipo de accións", en alusión ás mobilizacións como as que xa iniciaron os seus compañeiros de oficinas.

Comentarios