O comité de empresa pide "garantías" a Alcoa nunha nova negociación

A sentenza do TSXG mudou a estratexia de Alcoa que agora non descarta unha venda á SEPI. A reunión entre o comité e a multinacional deixou aberta a porta dunha negociación en firme que implicaría a suspensión temporal da folga sempre e cando o proceso non se demore no tempo e teña o aval da propia empresa.
Traballadores de Alcoa en San Cibrao celebran a anulación do TSXG do ERE da empresa o pasado 17 de decembro (Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Traballadores de Alcoa en San Cibrao celebran a anulación do TSXG do ERE da empresa o pasado 17 de decembro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao e a propia multinacional mantiveron esta quinta feira unha reunión telemática co obxectivo de achegar propostas de solución para o futuro da factoría de aluminio.

A xuntanza chega após a sentenza da sala do social do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que decretaba como nulo o expediente de regulación de emprego (ERE) o pasado 17 de decembro, unha resolución que abre unha nova fase, se cadra a última, do camiño cara a continuidade da factoría de aluminio de Alcoa en San Cibrao (Cervo). A imposibilidade de aplicar o despedimento de máis de 500 traballadoras e traballadores así como a obrigatoriedade de manter as cubas en funcionamento, deixaba sen argumentos a estratexia da multinacional para alongar no tempo a posíbel venda. 

A reunión convocouse esta pasada segunda feira cando o comité de empresa instaba á multinacional a negociar a venda da factoría asegurando que estarían dispostos a suspender a folga indefinida. A contestación veu ese mesmo día da man da propia Alcoa que, nun comunicado, aseguraba que volvería a negociar coa SEPI en ningún caso con Liberty, a venda da fábrica de aluminio a cambio de que o comité finalice a folga indefinida que mantén desde outubro.

Os representantes sindicais, pola súa banda, pediron a contratación do persoal despedido nesta crise e que se poñan en funcionamento de novo as cubas en electrólise ademais de que a multinacional negocie a venda da planta de aluminio coa SEPI. 

Garantías de non deixar "morrer" a factoría

Na reunión, Alcoa engadiu as súas razóns para pedir que se desconvoque a folga e o proceso que se desenvolvería de negociación coa SEPI, cunha duración aproximada de nove meses. Por parte do comité a demanda foi de que a multinacional cumprira co que estabelece a sentenza e o auto de medidas cautelares do TSXG ademais de iniciar unha recuperación das cubas e do servizo de mantemento.

"Non pode ser que este proceso que Alcoa quere abrir se dea nun contexto indefinido no tempo no que se acabe producindo unha morte da fábrica por falta de mantemento e reparación das cubas", explicou a Nós Diario ao remate da reunión o secretario xeral da CIG, Paulo Carril. Neste sentido apunta que "en maio había 35 cubas paradas e agora hai 44". 

Alén diso, o comité estaría disposto a suspender a folga durante sete semanas para que se produza a interlocución entre o Goberno español, a través da SEPI, e a propia Alcoa para garantir a continuidade industrial. En todo caso, a petición inclúe a presenza do propio comité para facer seguimento do proceso de venda e "garantías" de que a multinacional "non volva de novo a meternos nun proceso sen a certeza de que finalice coa reposición do persoal e a continuidade da actividade industrial", segundo Carril. 

Suspendida a asemblea 

O comité pensa trasladar as súas propostas tamén ao Goberno español coa intención de que dea pasos e lidere o proceso de negociación cara a venda. "Ten que forzar a Alcoa ou ben á solución da venda ou ben á da expropiación como unha forma de garantir que a factoría continúe", expón Paulo Carril. 

O comité de empresa da factoría de Alcoa en San Cibrao  tiña convocado unha asemblea para hoxe ás 12 horas co obxectivo de valorar as "medidas a tomar", despois de que a multinacional condicionase a negociación da venda da fábrica á sociedade estatal de participacións industriais (SEPI) a que finalizase a folga indefinida. Na mesma xuntanza a representación sindical daría conta do acontecido na reunión telemática realizada onte coa multinacional. 

Marcha en Alu Ibérica

Outra das factorías que formou parte no seu momento de Alcoa, a da Coruña, continúa coa folga indefinida por decimoterceiro día consecutivo. Esta quinta feira anunciaron a convocatoria para este sábado 9 de novembro dunha marcha a a pé desde a fábrica até a Delegación do Goberno para esixir a readmisión dunha compañeira e tamén a "intervención" da instalación. "Da mediación non temos noticia ningunha", asegurou o presidente do comité de empresa, Juan Carlos López Corbacho a Europa Press.

O sindicalista explicou que a Inspección de Traballo trasladouse o pasado día 5 á fábrica tras as denuncias dos sindicatos por non poder facer "as súas funcións" de representación sindical. Ademais denuncian que aínda non cobraron o salario polo traballo realizado e entregado no pasado mes de decembro.

Comentarios