O comité de empresa de Navantia Ferrol denuncia "sabotaxe" da dirección

As protestas da representación sindical provocaron atrasos na entrada das instalacións impedindo o acceso ao persoal do estaleiro. 
Retencións no estaleiro de Navantia de Ferrol pola protesta (Europa Press)
photo_camera Retencións no estaleiro de Navantia de Ferrol pola protesta (Europa Press)

Delegadas e delegados do comité de empresa de Navantia Ferrol impediron á primeira hora da mañá desta pasada cuarta feira o acceso do persoal ao estaleiro.

Esta é unha das medidas de protesta que desenvolveron para denunciar "a sabotaxe" por parte da dirección ás "relacións laborais".

A parte social acusa a dirección da ría de Ferrol do "incumprimento do convenio colectivo en diversos conceptos", ademais de "non implementar o plan industrial co que se estabelecía a transformación dixital do estaleiro de Ferrol, coa construción dun dique cuberto e plans industriais para o estaleiro de Fene e para a fábrica de Turbinas".

Ademais, tamén cargan contra a dirección por "non dotar de contido a Comisión central de produtividade" así como pola súa negativa para "abrir a comisión da industria auxiliar".

Denuncian as novas incorporacións

O presidente do comité de empresa, Emilio García Juanatey (CCOO), criticou a actitude da dirección da compañía no proceso de novas incorporacións ao estimar que se está "dificultando que as prazas de acceso sexan obxectivas e transparentes".

O sindicalista incidiu en que "o último detonante" foi que "catro aspirantes que xa superaran todas as probas que recollían as bases" fosen rexeitados "tras un test dun psicólogo", unha medida que, segundo apunta Juanatey, "non aparece recollida na convocatoria".

Para a CXT é "unha auténtica  cacicada", situación que nunha empresa pública "é gravísima".

Comentarios