O cadro de persoal de Ganomagoga acepta substituír o ERE por un ERTE

A sinatura da acta realizarase esta quinta feira, 20 de abril, segundo anunciou a CIG.
Protesta do persoal de Ganomagoga diante da sede da Xunta en Vigo, a comezos de abril (Foto: Nós Diario).
photo_camera Protesta do persoal de Ganomagoga diante da sede da Xunta en Vigo, a comezos de abril (Foto: Nós Diario).

O cadro de persoal do Grupo Ganomagoga (Talleres Ganomagoga, Logistic, Aplimega e Cedval) aceptou esta cuarta feira a proposta do administrador concursal de transformar o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) extintivo nun Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE).

O cambio de expediente de regulación realizarase mentres se desenvolve o proceso de venda das distintas empresas co obxectivo de manter o maior número de empregos posíbel de cara ao futuro. 

As asembleas de persoal laboral do grupo aprobaron por unanimidade a medida unha vez que se lles trasladou a existencia de oito ofertas de compra (cinco por escrito e tres verbais).

Segundo explica a CIG, que preside o comité de empresa, o administrador concursal do grupo con centros de traballo en Ponteareas, Vigo, Mos e O Porriño comunicou as ofertas e a posibilidade, "xa apuntada anteriormente pola representación sindical", de renunciar ao ERE extintivo para todo o persoal e acollerse a un ERTE de catro meses mentres non se concreta a adquisición. 

“Neste tempo haberá que definir se a venda se fai globalmente ou por partes e determinar a parte do cadro de persoal que será subrogada, co obxectivo de manter o maior número de postos de traballo”, destacaron os representantes do sindicato.

En consecuencia, desde a central sindical nacionalista anunciaron que esta mesma quinta feira se procederá á sinatura da acta para que o administrador concursal "presente o ERTE no xulgado no menor prazo posíbel”.

Filtracións a medios de comunicación

Por outra parte, a CIG denunciou "as continuas filtracións a medios de comunicación por parte de responsábeis de CCOO, sobre todo tendo en conta que teñen lugar antes de que o comité poida informar ao persoal".

Comentarios