O comité de empresa europeo de Alcoa, contra a parada das cubas en San Cibrao

O comité de empresa europeo de Alcoa defende que se se atopa un comprador para a planta de San Cibrao, en Cervo, manter en funcionamento as cubas nun prazo de 30 a 40 semanas, "sería máis barato que fechalas temporalmente". "Hai unha sólida razón económica", argumenta.
2020080218544595776
photo_camera Protesta de traballadores de Alcoa ante a Xunta o pasado 1 de xullo ( Europa Press)

Nun comunicado dirixido aos comités de empresa locais e aos sindicatos con representación en Alcoa, o comité europeo cita un estudo de Syndex que lle leva a concluír que "os custos de parar temporalmente as cubas poderían ser máis altos que mantelas en funcionamento".

Por iso, considera que hai "unha sólida razón económica" para pedir que non deixen de estar activas.

O comité indica que a súa opinión sobre a decisión de Alcoa de pechar a planta de aluminio primario de San Cibrao é "negativa" e considéraa unha "decisión estratéxica a nivel corporativo" que "non ten suficientemente en conta o potencial do sitio" nin "as graves consecuencias sociais e económicas para toda unha rexión".

É tamén, agrega, "un paso máis no enfraquecemento da base industrial de Europa", o que supón sucumbir "ao xogo de poder doutros actores globais como China". Ademais, traslada a preocupación dos traballadores doutras plantas de Alcoa en Hungría, Holanda e Madrid pola posibilidade de que tamén se vexan afectadas.

O comité de empresa europeo di non estar "convencido" de que haxa garantías da dirección de que estas instalacións non sufrirán tamén axustes. No escrito critica tamén a actitude da empresa nestes últimos dous meses, desde que se anunciou a intención de fechar a planta da comarca da Mariña, onde hai outras instalacións dedicadas á alúmina. "Tivemos serias disputas coa xerencia que podían evitarse se a xerencia involucrase aos empregados nunha etapa máis temperá do proceso", sinala.

Ademais, traslada o seu apoio aos traballadores de San Cibrao e considera que "o tema principal no futuro próximo" é saber se Alcoa está disposta a "cooperar na procura dun comprador ou investidor" e se pode haber un acordo para manter as cubas funcionando.

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao enfróntase a días decisivos, posto que mañá, día 4, remata o prazo de consultas do expediente de regulación de emprego (ERE) para máis de 500 empregados e este luns, día 3, reúnese con representantes da empresa que mostrou o seu interese en comprar as instalacións, o grupo británico Liberty House.

Comentarios