O comité de empresa de Alu Ibérica anuncia folga indefinida pola "persecución de Riesgo"

O incidente da pasada quinta feira nas instalacións da antiga Alcoa na Coruña rematou con denuncia por parte da empresa. A asemblea do persoal da empresa decidiu, a petición do comité de empresa, convocar unha folga indefinida até a readmisión dunha compañeira despedida. CIG, CCOO e UXT culpan as administracións galega e estatal desta situación.  
O presidente do comité de empresa de Alu Ibérica acompañado dos responsábeis de industria da CIG, CCOO e UXT (Nós Diario).
photo_camera O presidente do comité de empresa de Alu Ibérica acompañado dos responsábeis de industria da CIG, CCOO e UXT (Foto: Nós Diario).

O anuncio da dirección de Alu Ibérica de emprender "accións legais" polo que consideran "ataque" con "agresións" rexistrado na planta coruñesa a pasada quinta feira foi contestado onte por parte do comité de empresa ao comunicar que este sábado comezará unha folga indefinida "até que readmitan a compañeira despedida".

A opción de tomar esta medida decidiuse a noite anterior en asemblea, segundo explicou o presidente do comité de empresa, Juan Carlos López Corbacho. "Non permitiremos a persecución e o acoso que padecemos", explicou Corbacho en rolda de prensa. 

Desde o comité acusan as administracións de "esquecer" unha situación que cualifican de preocupante. Ademais Corbacho acusou David Domenech, directivo do Grupo Riesgo, de perseguir o persoal da planta coruñesa.

Relatou como a empresa "aproveitou que as e os traballadores estabamos na Delegación do Goberno" para manter retida "unha compañeira por tres horas e tentar facerlle asinar unha carta de despedimento". Desde a plataforma rexeitan "as acusacións e o comité por unanimidade acordou convocar folga indefinida até que a compañeira volva e Riesgo pare na súa persecución". 

Chamamento a que actúen as administracións

Na roda de prensa do comité de empresa de Alu Ibérica participaron tamén os responsábeis de Industria da CIG, CCOO e UXT.  Ademais de dar o seu apoio ás traballadoras e aos traballadores, criticaron a actitude das administracións nesta situación.

Xoán Xosé Bouzas (CIG) afirmou que "un país sen industria é un país sen futuro". Por este motivo fixo un chamamento a que as administracións "tomen decisións" e miren "o que está a facer o resto de Europa". Apuntou que elas "estiveron presentes nas negociacións e polo tanto son cómplices" da situación que están a padecer.

Victor Ledo (CCOO), afirmou que "a folla de ruta marcouna unha multinacional chamada Alcoa" e "hai cómplices desta execución" que son "as Administracións que non fan nada, incluído o concello da Coruña". Ademais criticou a aprobación dun estatuto electrointensivo que cualificou de "insuficiente". 

Desde UXT, Javier Carreiro, exixiu "valentía política" ao Goberno español. Non entende como desde as administracións se permite "este acoso ao persoal e ao comité de empresa" cando "a única resposábel é Alcoa e o Grupo Riesgo".

Expediente disciplinario da empresa

Desde Alu Ibérica informan, a través dun comunicado, que abriron un expediente disciplinario a catro traballadores, tres deles membros do Comité de empresa e un delegado sindical da planta da Coruña.

Ademais sinalan que realizarán una investigación coa intención de ampliar este expediente a otras persoas que se atopaban a pasada quinta feira pola tarde no departamento administrativo das súas instalación na Coruña. No texto remitido aos medios de comunicación afirma que o comité de empresa emprega maneiras “propias de grupos violentos organizados”.

Comentarios