TRABALLO

O comité do centro de maiores de Campolongo denuncia abusos laborais na crise da COVID-19

O comité de empresa deste centro pontevedrés dependente de Política Social argumentan que teñen un exceso de traballo porque en lugar de aumentar o número de profesionais coa maior carga de traballo polo coronavirus fixeron máis quendas sen librar. 
Residencia de maiores de Campolongo, en Pontevedra (CIG).
photo_camera Residencia de maiores de Campolongo, en Pontevedra (CIG).

O comité de empresa do persoal laboral dependente da xefatura territorial de Política Social de Pontevedra denuncia os "abusos laborais" por parte da dirección do centro de maiores de Campolongo, o único público na cidade, e a "nefasta xestión" durante a crise provocada polo coronavirus.

A representación sindical sinala que os responsábeis deste centro público limítanse a "modificar carteleiras" e a "quitar días libres ao cadro de persoal cada dous por tres sen ningunha xustificación".

"Comezou coa modificación das carteleiras despois da reunión do comité coa xefatura territorial, carteleiras que xa foran impostas por non lograr acordos coa representación do persoal", indican desde a CIG nun comunicado. 

Segundo explican, ao inicio da crise sanitaria da COVID-19 volveron modificar as quendas de traballo "en lugar de solicitar un reforzo do persoal". Esta situación levou ao comité a presentar unha denuncia na Inspección de Traballo o pasado 25 de abril, após intentar outras solucións.

"Actitude tiránica"

Así o día 30 chegaron ao centro tres técnicas en coidados auxiliares de enfermaría (TCAE) cun contrato de "acúmulo de tarefas" para reforzar as quendas. "Pois ben, a dirección, nunha actitude ditatorial e tiránica, no canto de facer unhas carteleiras para estas profesionais volve modificarlle as carteleiras ao cadro de persoal", critican, para engadir que tamén lle cambiaron as quendas ás camareiras e limpadoras do centro.

Diante disto, o comité de empresa solicita coñecer as medidas que a xefatura terrorial de Política Social vai tomar "para solucionar esta problemática provocada pola dirección", ao tempo que se pregunta "onde quedan os dereitos de conciliación do persoal desta residencia".

Comentarios