O comité do 112 denuncia o "desleixo" da Xunta con este servizo

Critican que a AXEGA non proporcionou máscaras nin información ao persoal, e cualifican de “insultante” e “improcedente” o comentario do Presidente da Xunta, Núñez Feixoo, cando estivo, xunto co vicepresidente, paseando pola central, por afirmar “tranquilas que nos imos contaxiar todas”.
A ESTRADA (Pontevedra)

 

13,00 h.-     O mandatario galego, acompañado do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, visitará o novo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia.

foto xoán crespo
24/03/15
photo_camera Feixoo, durante unha comparecencia no edificio do 112 (Foto: Xunta).

O comité de empresa do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galiza, denuncia a “falta de responsabilidade con este servizo por parte da Xunta” que, ao seu entender, “deixa patente a indiferenza da Axencia Galega de Emerxencias da Galiza (AXEGA) coas persoas que todos os días vimos traballar para sacar adiante as emerxencias do país”.

Critican, ademais, que “nin sequera se atenderon” as súas propostas preventivas, “que permitirían garantir, en caso de contaxio, que o servizo continuase funcionando para atender todas as chamadas das e dos usuarios”.

Segundo explican, na central onde se atopan o 112 e o 061 traballan arredor de 50 persoas por quenda entre os dous servizos, “nun lugar onde non hai fiestras e compartindo todo o espazo”.

Para o comité, debería ser “prioritaria a máxima precaución para evitar o contaxio que se puidera dar entre o persoal, en caso de haber algún positivo no Covid-19”.

Proposta de medidas preventivas

Porén, ante a “inacción” por parte da Xunta da Galiza, propoñen varias medidas preventivas, “xa que unha situación extraordinaria require solucións tamén extraordinarias”.

A súa primeira proposta é restrinxir o acceso á central só as persoas que se vexan na obriga de traballar presencialmente, fomentando o teletraballo para o resto do cadro de persoal -administración, prensa, formación...-, evitando así “riscos innecesarios”.

Xunto a isto, propoñen dividir o persoal que traballa en cada quenda en dous grupos independentes entre si, entre as salas de San Marcos e A Estrada, para reducir á metade o risco de contaxio. En todo caso, ante a información de que habería unha terceira sala na Estrada, demandan que se acondicione de inmediato para poder garantir a separación neses dous grupos.

Falta de información

O comité asegura que descoñece se está feita a avaliación de riscos. Isabel Moares, presidenta do comité de empresa, declara que tampouco saben “como está de avanzada a posibilidade de teletraballar en caso de que a situación así o requirira” e, no caso de haber un positivo, tampouco saben como “actuar, nin que prevé facer a AXEGA de se producir esta situación”.

A sensación que hai, segundo Moares, é que “semella que a administración se está deixando levar polos acontecemento e tomando as decisións en función disto, cando o que tiñan que facer era tomar as medidas precisas nunha situación tan delicada”.

A presidenta do comité asegura que levan días “reclamando información e todas as medidas preventivas necesarias para evitar contaxios e corentenas que mermarían o servizo”. Lembra, ademais, que “estamos a falar dun traballo especializado que non podería desenvolver ningunha persoa sen preparación previa, algo imposible de facer neste intre. Aínda así, recibimos o silencio por resposta”.

Conclúen cualificando de “insultante” e “improcedente” o comentario do Presidente da Xunta, Núñez Feixoo, cando estivo, xunto co vicepresidente da Xunta, paseando pola central, por afirmar “tranquilas que nos imos contaxiar todas”.

Comentarios