O comité de Bosch impugnará o ERE temporal para 800 persoas en Vigo

Considera o expediente “innecesario”. A empresa de telemarketing ten na cidade olívica dous centros de traballo, que suman 2.000 persoas empregadas. 

comite empresa bosch
photo_camera Sección sindical da CIG en Bosch

Bosch pretende aplicar un expediente de regulación temporal de emprego a 800 dos seus 2.000 traballadores e traballadoras en Vigo. Serían períodos de suspensión entre os dez días e os dous meses. Unha medida que desde o comité desta compañía de telemarketing en Galiza xa anunciaron que van impugnar. Considérana “innecesaria” e anuncian asembleas para concretar un ciclo de mobilizacións.

Dende o comité de Bosch, presidido pola CIG, lembran que ademais do ERTE a dirección levou a cabo 200 despedimentos entre o persoal de ETT dende o mes de decembro.

Atención telefónica en galego

O argumento que esgrime a empresa para xustificar a medida é a perda de proxectos derivada dos despidos que vai aplicar Vodafone, compañía que está a deslocalizar traballo para países como Colombia ou Exipto. “O único que xeito que temos de frear esta sangría é que a xente demande atención telefónica en galego”, sosteñen desde o comité.

Comentarios