O comité de Alu Ibérica na Coruña propón recuperar a desaparecida Inespal

Reclaman a convocatoria da mesa ministerial de seguimento do plan industrial das plantas da Coruña e Avilés.
Traballadores de Alu Ibérica ante sede da Subdelegación do Goberno na Coruña (Foto: Comité de empresa).
photo_camera Traballadores de Alu Ibérica ante sede da Subdelegación do Goberno na Coruña (Foto: Comité de empresa).

Representantes do comité de empresa de Alu Ibérica na Coruña retomaron hoxe as mobilizacións cunha "protesta simbólica" diante da Subdelegación do Goberno español. Foron só un grupo reducido, "conscientes da situación sanitaria". De feito, decidiron trasladar a súa protesta á Subdelegación para non coincidir cos traballadores e traballadoras de Navantia, que onte tamén se concentraban na Delegación do Goberno. 

Segundo explicou Juan Carlos López Corbacho, presidente do comité de empresa, a Nós Diario, os traballadores foron recibidos pola subdelegada, a quen fixeron entrega dun escrito solicitando unha reunión "urxente" da mesa ministerial de seguimento do plan industrial das plantas da Coruña e de Avilés, que, como lembrou, "leva sen convocar desde o verán". 

En opinión do representante dos traballadores e das traballadoras, que amosou o seu descontento polo adiamento do xuízo pola venda das plantas de Alcoa a Parter, "máis que nunca é precisa unha solución industrial máis alá do ámbito xudicial".

"Sabemos que no xulgado non nos van dar a solución industrial e precisamos atar o futuro da planta e dos empregos que nelas existen. Tal e como está todo no ámbito xudicial, con esa querela criminal na Audiencia Nacional, co conflito colectivo, que se atrasa até 20 de maio, con todas as outras demandas no ámbito laboral e incumprimentos, cremos que hai que dar unha solución industrial que pase por unha intervención temporal para que a SEPI interveña as plantas e as poña en liña de flotación, polo menos até que rematen eses xuízos e se requiran as correspondentes responsabilidades ás partes", indicou o representante sindical.

Nese senso, López Corbacho asegurou que as Administracións son, neste momento, "as que nos garanten un futuro industrial". Por iso insiste na vía da intervención, aínda que non desbota que os xulgados lle poidan quitar as plantas a Alcoa e estabelezan "unha tutela industrial". 

O que teñen claro é que no proceso "Alcoa está a incumprir todo e máis" do que comprometeu no momento de vender as factorías de aluminio. "Quen incumpriu aquí todos os acordos, todo o que se plasmou da saída industrial foi Alcoa, que é a gran responsábel desta situación e incluso cremos que preparou esta situación", expuxo o presidente do comité.

"Quixo fechar as plantas no seu día, non se lle permitiu e pensamos que confeccionou esa saída nunha venda ao que ela quería para facer negocio tamén con iso. Se se demostra, haberá que a culpabilizar e responsabilizar do futuro das plantas" engadiu.

A SEPI e Inespal

En calquera caso, os traballadores consideran "vital" unha intervención por parte das administracións, e nomeadamente da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), que vén de iniciar as negociacións con Alcoa para facerse coa planta de San Cibrao (Cervo).

De materializarse a intervención das antigas plantas de Alcoa na Coruña e Avilés, a SEPI podería recuperar a antiga Inespal, empresa pública que controlaba estes activos antes da súa venda á multinacional americana. 

"É unha opción máis que viábel que se volva unir no futuro o grupo como era antes, o aluminio primario nunha soa división coa tutela ao 100% da SEPI ou cunha porcentaxe pequena, pero que non permitise executar medidas como as dos últimos anos, como ERE ou anuncios de fechamento sen contar con ninguén. Aquí teríase que contar coa Administración ao ser parte do negocio. É unha solución factíbel e que debe ser incluso perseguida por parte das administracións", destacou o representante sindical.

"Somos un piar fundamental e estratéxico para industrializar o país e cremos que a Administración ten que estar aí para velar por sectores produtivos como os nosos", concluíu.

Comentarios