sábado 29.02.2020

O comité alerta do “progresivo desmantelamento” de Ferroatlántica

Afirman que as factorías están a 30% da súa capacidade de fabricación, mentres que a produción de electricidade está a 100%, “confirmando que o único interese de TPG-Ithaka está no negocio da enerxía”.

 

O comité alerta do “progresivo desmantelamento” de Ferroatlántica

O comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas vai retomar as mobilizacións perante a “grave situación xerada polo progresivo desmantelamento das fábricas e o recorte drástico da produción, que xa levou ao peche do forno 13”.

O comité mantivo esta semana unha reunión co secretario xeral de Minas, a subdirectora xeral de Relacións Laborais e o secretario xeral técnico da Consellaría na que volveu pór riba da mesa a necesidade “inaprazábel” de esixir da nova xerencia de Ferroatlántica un plan de viabilidade para garantir os niveis de produción e o mantemento dos empregos.

A este respecto, o comité alerta que as factorías “están a 30% da súa capacidade de fabricación, mentres que a produción de electricidade está ao 100%, confirmando que o único interese de TPG-Ithaka está no negocio da enerxía e que a operación orquestrada con FerroGlobe é unha fraude”.

De feito, denuncian, a empresa está vendendo catro veces máis enerxía da que compra para fabricar ferroaliaxes, "algo que contravén claramente as condicións das resolucións da Xunta a respecto de que a produción hidroeléctrica debe garantir a actividade das fábricas", sinala o presidente do comité, Alfonso Mouzo (CIG).

En canto á produción, subliña que o forno 13 estará parado durante todo 2020 e sen data concreta para o seu arranque, nin sequera no horizonte da aprobación do estatuto para as industrias electrointensivas. O resto dos fornos están sometidos a un plan de paradas diarias, entre 10 e 14 horas, "o que provoca  avarías con risco e que haxa que facer reparacións de continuo". Ademais, a empresa ameaza con cesar tamén o forno 14, o que deixaría a este centro de traballo sen fabricación de aliaxes de manganeso. 

comentarios