O comité de Alcoa, ante a falta de acordo: "Estamos sós, abandonados polas Administracións"

Cuestiona "a que ten chegar" a empresa para que haxa "mala fe" na negociación do ERE: "Teñen que acabar torturándonos tamén?"

Carlos Castro alcoa
photo_camera (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O presidente do comité de Alcoa, José Antonio Zan, denuncia que os traballadores están "sós", "abandonados polas administracións", despois dunha negociación de máis de 24 horas sen acordo coa multinacional. A empresa enrócase en parar as cubas e non acceder á venda do complexo da Mariña para evitar o despedimento colectivo.

En declaracións esta mañá de cuarta feira, Zan queixouse de que a empresa "escapou" despois de facerlles entrega da acta de desacordo das consultas do ERE --cuxo período de negociación terminou este mércores-- coa intención de volver sobre as 13,30 para volver reunirse, mentres os traballadores levan "secuestrados" unhas 28 horas.

"Como poden deixarnos aquí sós", pregúntase Zan, "cunha multinacional que se está rindo do Estado e a Xunta". "Moitas advertencias, moitos ultimátums, pero a empresa segue facendo o que lle dá a gana", censura. "Aquí ten que vir alguén e actuar xa", sentenza.

Despois de que a Xunta remitise unha advertencia a Alcoa de que debía desistir do ERE para non incorrer nunha actuación de mala fe, Zan pregunta que situación pode haber de "máis mala fe que esta". "A que teñen que chegar estes? Teñen que acabar torturándonos tamén?", clama.

"A que está a esperar o Goberno, a ver se dunha vez aceptamos un ERTE e afundimos A Mariña?", prosegue no seu razoamento. "Deixounos tirados", agrega.

Avanzada a madrugada confirmábase o desacordo entre o comité de empresa e representantes de Alcoa nunha xuntanza que se iniciaba as nove da mañá de onte e que continúa aínda, tras máis de 24 horas reunidos.

O motivo do desacordo unánime do comité: a pretensión da multinacional de parar as cubas, “unha proposta inasumíbel porque significa a morte da fábrica”.

Así o explica o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen afirma que “non é de recibo ningún acordo destas características, máis logo de que a empresa rexeitara todas as propostas que se fixeron durante todo o período de negociacións e, nomeadamente, nestes últimos días”.

Comentarios