O comité de Alcoa exixirá en Madrid compromisos reais

Outra reunión máis con Alberto Núñez Feixoo sen moitos resultados. O comité de Alcoa en San Cibrao desprazarase a Madrid para reunirse co Goberno español, PSOE, Podemos, BNG e PP co ánimo de que a solución veña da man dunha lei urxente que permita un estatuto para as empresas electrointensivas.

Fábrica de Alcoa en San Cibrao (Europa Press)
photo_camera Fábrica de Alcoa en San Cibrao (Europa Press)

Semana intensa para o persoal de Alcoa en San Cibrao antes de rematar o ano. Esta pasada segunda feira o comité de empresa mantivo unha reunión co presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, que non tivo máis percorrido que outras que mantiveron os últimos meses en Compostela. “Foi como as anteriores, cos problemas sen solucionar”, explica a Sermos Galiza José Antonio Zan, presidente do comité empresa. Os días pasan e entre as traballadoras e traballadores comeza a pesar a idea de que se lles escapa o tempo.

“Por parte da Consellaría aseguraron hai uns meses que tomarían medidas para abaratar a factura de enerxía para as industrias electrointensivas a nivel europeo”, explica Zan, “agora nesta nova reunión reiteraron ese compromiso”, engade. Desde o comité aseguran que calquera medida que tome o goberno, sexa cal sexa, “ten que ir por ese camiño de facer as industrias competitivas”.

Poxa e reunións en Madrid

 

Esta segunda feira comezou a tan criticada poxa proposta polo goberno. “É a peor poxa que podían deixar para as industrias electrointensivas”, asegura o presidente do comité de empresa, “botáronnos polo burato abaixo”, engade. Zan pensa que a decisión do Goberno español de rebaixar os Mw e a potencia a poxar “é unha auténtica barbaridade industrial”. Desde o comité de Alcoa cren que se segue adiante a poxa “obrigará ás industrias electrointensivas, de aluminio ou de ferro, a fechar”.

Para a cuarta feira 18 de decembro teñen previsto desprazarse a Madrid e manter reunións co Goberno español mais tamén co PSOE, Podemos, BNG e PP. “O problema que se está a xerar é de todos”, asegura Zan. O comité de empresa pensa exixir en Madrid “que aproben unha proposición de lei de tramitación urxente como Real Decreto que permita sacar o estatuto de electrointensivas e as medidas necesarias para que o prezo da enerxía competitivo como o resto de Europa”, asegura José Antonio Zan.

Comentarios