O comité de Alcoa alerta que o paro das cubas xa afectou 43 traballadores de auxiliares

Fabrica de Alcoa na localidade de San Cibrao (Foto: Nós Diario).
photo_camera Fabrica de Alcoa na localidade de San Cibrao (Foto: Nós Diario).

O comité de empresa da planta de Acoa en San Cibrao informa que un total de 43 traballadores e traballadoras de empresas auxiliares xa se viron afectados polo anuncio da empresa de non reconstruír as cubas que cheguen ao final da súa vida útil como medida temporal ante a situación do mercado.

Nun comunicado remitido aos medios, o comité de empresa informou de que dúas empresas que se encargaban do mantemento destas cubas, Reymogasa e Cyrgasa, xa presentaron expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE).

Ante estas cuestións, o comité de Alcoa pediu a todos os traballadores e traballadoras o apoio de calquera medida que tanto a representación das empresas implicadas como da propia planta de San Cibrao poidan levar a cabo por mor dela.

Entre estas medidas, o comité convocou a dirección da empresa, aos partidos políticos, á Xunta e ao Goberno español para iniciar un diálogo que permita paralizar a decisión da empresa en canto á reparación das cubas e, en consecuencia, os ERTE presentados.

A reprsentación dos traballadores incide en que se retomen os trámites para a aprobación dun estatuto electrointensivo que dea estabilidade ao mercado enerxético da industria de grandes consumidores e do aluminio en particular.

O comité de empresa de Reymogasa, constituído por CCOO, UXT e CIG critica que "despois dun mes e medio" de traballo seguindo todas as recomendacións de Alcoa en relación ao COVID-19 e "con medidas como aceptar un calendario rotatorio de vacacións" a consecuencia do anterior descenso de carga de traballo agora atópense coa decisión da empresa principal de "parar os traballos que afectan a varias auxiliares".

O comité, que define ás empresas auxiliares como o "elo máis débil", subliña que "os traballos que se pretenden parar son mantemento esencial" para a produción de aluminio.

"Parécenos desproporcionada esta decisión despois do que os traballadores cederon nestas últimas semanas, aceptando cambios de xornada, sacrificando vacacións e expóndose aos riscos da situación, mostrando en todo momento a súa disposición a colaborar polo ben de todos", sinala o comité, que estuda a posibilidade de realizar as mobilizacións que poidan durante o estado de alarma.

Comentarios