mércores 27/10/21

Colectivos e sindicatos visibilizan a precariedade de Surexport na Galiza

Meses de denuncias por precariedade laboral, contaxios coa pandemia e unha morte o pasado mes de agosto puxo en evidencia a situación laboral do persoal que traballa recollendo froitos  vermellos para a empresa Surexport. Colectivos e sindicatos buscan agora concienciar á poboación e ás grandes superficies.

A protesta levou a etiquetaxe de denuncia ás grandes superficies de alimentación de Vilalba (Nós Diario).
A protesta levou a etiquetaxe de denuncia ás grandes superficies de alimentación de Vilalba (Foto: Nós Diario).

A Plataforma 'Surexport fóra da Galiza' realizou esta sexta feira unha acción sorpresa en grandes superficies de alimentación de Vilalba coa intención de denunciar o que consideran é a "escravitude agroindustrial" da empresa onubense de recolección de froitos vermellos.

Sindicatos e colectivos como ADEGA, CIG, a Federación Rural Galega (Fruga), o Sindicato Labrego Galego (SLG) ou Terra Chá Sostíbel, ademais de movementos sociais, veciñanza da zona e ex-traballadoras quixeron visibilizar a situación de "explotación laboral" que teñen as persoas que traballan na zona para Surexport.

"As autoridades comezan a actuar agora, cando nos mobilizamos", explica a Nós Diario Brais Álvarez, do SLG. Esta mesma semana a Inspección de Traballo pediulles información sobre a situación que viven as persoas que teñen contratadas, a maior parte migrantes, para recoller a produción nunhas condicións que consideran "infrahumanas".

O propio persoal relata ameazas de despedimento se non se recollen "cantidades desorbitadas de arando en xornadas de 12 horas", ademais de "incumprirse as condicións salariais ao cobrar as horas extra a 6 euros en lugar dos 12 euros pactados ou o amoreamento sen distancia de seguridade nin máscara durante a pausa da comida".

A actuación desta sexta en estabelecementos de alimentación busca informar á poboación para que "saiba que esta empresa comercializa o seu produto como galego mais non ten nada que ver co comercio local", explica Álvarez, "ademais empregando sustancias químicas e un modelo produtivo moi diferente, algo que consideramos toda unha falta de respecto para todas as persoas que traballan este tipo de froitos".

Alén diso, poranse en contacto coas cadeas de distribución para que entendan "que non deben comercializar este produto que explota persoas". Como factor negativo, desde o SLG detectaron que nos últimos días a empresa está a realizar "unha intensa campaña de lavado de cara" que está a "silenciar en determinados medios de comunicación o que está a acontecer". 

Dificultades para os sindicatos

O medo ás represalias e as "ameazas que xa foron denunciadas" dificultan a acción dos sindicatos dentro desta empresa. Hai aproximadamente un mes convocáronse as primeiras eleccións sindicais e desde a Plataforma denuncian que houbo "unha listaxe prepactada coa empresa" obrigando ás traballadoras doutras candidaturas a renunciar.

"Non podemos acceder aos centros de traballo e a maior parte de persoal galego é temporal", comenta Lois Neto, da CIG. Cando queren acceder a contactar co resto de persoal, a maior parte procedente de Marrocos e Romanía, "non podemos por estar controlados pola propia empresa en hostais onde tamén viven os encargados que impiden calquera contacto".

Especulación en busca de terras na Terra Chá

Gabriel López, da Fruga, sinala en declaracións a Nós Diario que outro dos problemas graves que están a detectar é que a empresa tenta "acaparar terras" nesa zona ou noutras que están perto. "Necesitan grandes superficies e desde o inicio da súa actividade a súa táctica foi realizar convenios con comunidades de montes", explica.

Con ese sistema conseguiron entrar en 2013 en Baamonde da man da compañía Galicianberries. "Agora seguen buscando máis terreos e con esa intención ofrecen pagar moito máis que os pequenos propietarios que agora traballan as terras" e como consecuencia "obrigan a fechar explotacións por falta de base territorial e quedarse eles con esas terras", sentenza.

Desde a Fruga constatan, ademais, que este tipo de manobras está a ser "copiado" por outras empresas que xa operaran no resto do Estado español "noutro tipo de cultivos" polo aos poucos que "está a mudar a paisaxe agraria galega". 

comentarios