COG intégrase na CIG para consolidar “un sindicalismo nacionalista de clase forte e unido”

O acordo de integración foi asinado na tarde da cuarta feira polo secretario xeral da CIG, Xesús Seixo, e o da Central Obreira Galega, Carlos Varela.

CIG

Ao asinar o acordo de integración, a COG asume os principios “estatutarios e programáticos” da CIG na perspectiva de avanzar “na consolidación dun sindicalismo nacionalista de clase forte e unitario”, informa a CIG nun comunicado de imprensa.

Coa asinatura do acordo conclúe un proceso que decorreu durante varios meses e que foi ratificado polos órgaos de dirección de ambas organizacións. A Comisión Negociadora estivo formada, por parte da CIG, por Francisco Miranda Vigo (secretario confederal de Comunicación e Propaganda), Paulo Rubido (secretario nacional da CIG-Servizos), Xabier Filgueira (secretario comarcal da CIG da Coruña) e Paulo Carril (secretario confederal de Organización), mentres que a COG estivo representada por Carlos Varela (Secretario Xeral) e Mario Díaz Bustamante (da Executiva nacional).

No actual contexto de crise sistémica, con ataques sistemáticos á clase traballadora, acha a CIG que se torna máis fundamental que nunca  “o fortalecemento das organizacións sindicais de clase para convertelas en instrumentos máis eficaces fronte aos ataques do poder”.

O membro da Executiva Nacional da COG Mario Díaz revela que as primeiras conversas coa CIG se produciron após os integrantes desta central seren expulsos da CUT. Para Díaz, a integración na CIG hai que lela en chave de paso adiante na perspectiva de traballar pola unidade do “sindicalismo nacionalista” e pola conquista dunha “central única galega” vocacionada para a loita social e nacional.

As conversas para a integración da COG na CIG comezaron após os membros daquela seren expulsos da CUT

Neste mesmo sentido, o secretario xeral da COG, Carlos Varela, enfatizou que nunca contemplaron unha hipótese distinta á da integración na CIG por ser este “o único sindicato que representa os intereses dos traballadores e as traballadoras galegas, dende a perspectiva nacionalista na que nós sempre estivemos e no que achegamos o noso gran de area a base de traballar duro e cun enfoque asembleario, nacionalista e de clase”.

“Este é un paso que damos e esperamos que outros tamén o dean, para que se poida construír esta central única galega que defenda os intereses de todos os traballadores e traballadoras galegas, e os intereses de clase que noutras centrais sindicais se perderon”, acrecentou Díaz.

Comentarios