CIG, CUT, CC.OO E UGT REXEITAN O ACORDO

Citroën saca adiante o recorte salarial co apoio do SIT

O sindicato maioritario, próximo á dirección, apoia en solitario o plan de axuste presentado pola transnacional francesa.

Citroen
photo_camera [Imaxe Citroën]

PSA-Citroën marcouse a aprobación dun plan de recortes antes do 17 de novembro e así foi. Co apoio do sindicato maioritario, o SIT, a empresa de automóbil conseguiu finalmente sacar adiante a súa proposta que prevé a redución do 5% do salario d@s operari@s que se incorporen ao cadro de persoal a partir de xaneiro de 2015, conxelación do plus de antingüidade, redución do 25% dos complementos de nocturnidade e lacas, eliminación do plus de presenza (500 euros anuais), redución de 69 a 50 euros/dia o complemento de fin de semana e vinculación dos incrementos anuais de salario á prima de obxectivos. 

O acordo fixa unha redución salarial do 5% para novas contratacións e a evolución dos soldos só se o IPC supera o 1,5%

Aliás, redúcese nun 25% o complemento de cabinas e a evolución dos salarios de acordo ao incremento do IPC só se aplicará se este indicador superar o 1,5% pasando a fixarse en función da diferenza do novo valor e 1,5%. Isto é, se o aumento do IPC é do 2% a suba salarial será do 0,5%. 

O acordo vincúlase á adxudicación do 'proxecto k9' --que podería ser anunciado antes de rematar o ano. Así mesmo, acordouse a súa vixencia até decembro de 2019. 

O SIT decidiu apoiar o plan deseñado por Citroën após unha asemblea de afiliad@s que abarrotou a sede do sindicato, embora non acostumar a manter este tipo de dinámicas. Esta formación conta co 51% da mesa negociadora e constitúe a primeira forza sindical da factoría con 20 d@s 34 representantes, seguida de UGT (6), CC.OO (3), CIG (2) e CUT (2). Porén, foi a única que apoiou a proposta. 

As demais organizacións sindicais rexeitaron, após consultar @s traballador@s, o plan de axuste. Desde a CIG fixérono através dun referendo no que consultaron aproximadamente a 400 operari@s entre @s que foi maioritario o 'non'. CC.OO e UGT levaron a cabo senllas asembleas onde se acordou por unanimidade rexeitar a proposta. Pola súa banda, a CUT avanzou que estuda impugnar o acordo baseándose en defenctos de forma e "coaccións" ao cadro de persoal en relación co dereito de folga. 

Comentarios