REDUCIóNS SALARIAIS NA FACTORíA DE BALAíDOS

Citroën revisará o seu 'plan de axuste'

A dirección da factoría empraza a unha outra xuntanza o 3 de novembro mais as centrais sindicais rexeitan calquera medida que atinxa o salario d@s operari@s. 

Citroen
photo_camera [Imaxe Citroën]

Após unha primeira xuntanza entre a dirección de Citroën Vigo e as centrais sindicais con representación no comité, a presidencia da factoría de Balaídos asegura que revisará o 'plan de axuste' proposto. Fíxoo logo de que todas as persoas que integran a mesa de negociación en representación d@s operari@s, rexeitasen de facto o conxunto de medidas achegadas. 

A transnacional francesa visa recortar os salarios d@s traballador@s en aras, di, de aumentar a "competitividade" da planta de Vigo en relación á adxudicación do 'proxecto K9'. Porén, para as centrais sindicais esta é unha estratexia que procura "rebaixar os salarios e precarizar aínda máis as condicións laborais na fábrica de automoción" achegándoas ás que posúen operari@s de Marrocos, Portugal ou Eslovaquia. 

Rexeitamento sindical

Neste senso, nen o Sindicato Independente de Traballadores (SIT-FSI) --próximo á dirección de Citroën-- nen CC.OO, UGT, CIG e CUT apoian a proposta presentada pola factoría. En senllos comunicados e roldas de imprensa os sindicatos amosaron o seu rexeitamento e explicaron as razóns polas que o fan. 

"Os empregados e empregadas que terán que traballar 12 meses para cobrar unicamente 10 e sen pagas extra"

Desde a CIG, os responsábeis da Federación de Industria, afirmaron que o 'plan de axuste' "suporá que na práctica a empresa consiga aforrar 100 millóns de euros en cinco anos a costa dos empregados e empregadas que terán que traballar 12 meses para cobrar unicamente 10 e sen pagas extra". Unhas cifras que, din, contrastan coas declaracións da Xunta de Galiza pois, o goberno galego --lembraron-- "asegurou recentemente que a automoción galega recibiu 100 millóns de euros dos fondos públicos en cinco anos". 

Alternativas á desregulación 

Para a central sindical nacionalista Citroën quere converterse na "Eurovegas da automoción" desregulando "as relacións laborais" através, denuncian, da "chantaxe". Un feito que tamén foi criticado en diversos comunicados pola CUT. Ambas as dúas organizacións sinalan que as advertencias da transnacional francesa --que vincula as reducións salariais coa chegada da furgoneta k9 a Balaídos-- ten por obxecto espallar o medo entre o cadro de persoal. Porén, desde a CIG cren que se pode "aforrar no novo esquema loxístico de distribución entre as fábricas de Galiza e Portugal ou no gasto que supón o mantemento da actual estrutura directiva". 

Tamén desde CC.OO achegaron unha alternativa á proposta patronal e emprazaron a dirección de Citroën-Vigo a "identificar" aquelas accións que, din, "aporten resultados" e que "muden as actuais e desproporcionadas pretensións". Para iso propoñen a "redución do custe enerxético que consiste na contratación conxunta do suministro de enerxía con outras empresas do sector". Unha medida que, apuntan, "aumenta a competitividade das factorías e axuda a reducir custes" sen que "os traballadores soportemos a carga". 

"Resposta conxunta do sector"

Así as cousas, desde a CIG entenden que, no concreto, a proposta de Citroën quer amosarse como un "escarmento" perante as "auxiliares" do sector que nos últimos meses --e cunha forte loita obreira-- conseguiron importantes melloras nos seus convenios colectivos. Eis o caso de Treves (Pontevedra) ou Denso (Vigo).

Para evitar que isto aconteza, a central sindical nacionalista anunciou que convocará a Coordinadora do Automóbil na procura dunha "resposta conxunta do sector" ao tempo que promoverá, dixo, "unha fronte sindical con todas aquelas organizacións que estean dispostas a opoñerse frontalmente ás intencións da compañía de automoción". 

Comentarios