Citroën retira a rebaixa salarial do 5% e aposta en países 'low-cost' para reducir custos

A dirección de PSA proporá ao comité de empresa unha nova táboa salarial para futuras contratacións. Ao tempo, anuncia que externalizará no Magreb parte da súa actividade de I+D en Europa. 

Citroen
photo_camera Citroen

Após tres xuntanzas co comité de empresa a dirección de PSA-Peugeot Citroën anunciou que retira algunha das medidas que compoñen o seu plan para reducir os custos de produción da factoría de Balaídos. Neste senso, aseguraron que non procederán a aplicar unha rebaixa salarial do 5% e que tampouco se reducirán á metade os complementos por horas extraordinarias.

Porén, sinalaron que proporán unha nova táboa salarial que atinxirá futuras contratacións e que mantén na negociación a conxelación salarial até 2019, a supresión ou redución dalgúns complementos salariais e rebaixas nalgúns permisos ou licenzas. 

A dirección da transnacional francesa mantén como obxectivo reducir os custes de produción da planta de Balaídos e que estes se acorden antes do 21 de novembro. Desde as organizacións sindicais manteñen, até o momento, a mesma postura. Así as cousas, unhas con maior firmeza que outras. 

CIG e CUT rexeitan a nova proposta da dirección de PSA mentres CC.OO e UGT piden agardar a que a empresa propoña as novas táboas salariais

"Non imos avalar nen un só céntimo de recorte salarial aos traballadores. Se queren rebaixas que as fagan no colectivo de cadros e de xerarquías indirectas", apuntou o secretario da sección sindical da CIG-Citroën, Manuel Domínguez. De igual maneira desde a CUT sinalan que o obxectivo da Citroën é "deixar o camiño expedito para cando se incremente a produción" e ter "un cadro de persoal con salarios que nalgúns casos non cheguen ao mínimo interprofesional". 

Pola súa banda, desde UGT-CC.OO, centrais que manteñen unha posición e acción conxuntas, din non saber "que é o que pretenden" polo que prefiren agardar "a que nos dean as táboas". Neste senso, exixen "garantías" pois, din, "un pacto obriga ás dúas partes". 


Externalizar o I+D e a compra de compoñentes

A transnacional francesa teima en manter a súa estratexia de redución de custos e aposta nas factorías 'low-cost' e isto, non atinxe unicamente á planta que ten en Galiza. Segundo as últimas informacións difundidas pola imprensa francesa e as axencias de noticias como Reuters --recollidas por Faro de Vigo-- Citroën está decidida a externalizar unha parte da súa actividade en I+D. 

Até 2020 Citroën aumentará do 20% ao 40% a compra de materiais e compoñentes en países 'low-cost'

Este feito afectaría en grande medida ás factorías de Francia que ven como a carga de traballo en materia de innovación pode rematar en Casablanca (Magreb) através da planta que a empresa de enxeñaría francesa Altran. Segundo os dados coñecidos, este centro afincado en Marrocos dedicará os esforzos de aproximadamente 250 empregad@s ao deseño asistido por computador, cálculo científico e documentación técnica. 

Aliás, Citroën mantén a súa aposta nos países low-cost para a compra de compoñentes e materiais que posteriormente serán importados ás factorías de Portugal e Galiza. Neste senso, pasará do 20% ao 40% até 2020. 

Comentarios