Citroën eleva o ton nas negociacións e a posibilidade dunha folga aumenta

As centrais sindicais rexeitan a proposta presentada por PSA que lanza como ultimatum o carácter innegociábel dunha redución salarial para manter a produción na planta de Balaídos. 

Citroën_
photo_camera [Imaxe Citroën]

Após dúas semanas de negociacións o ton elévase na factoría que Citroën ten en Balaídos. A dirección da transnacional francesa amezada cun incerto futuro para a planta viguesa de non se acordar un "plan de axuste" que pasa necesariamente, segundo a dirección, por aprobar unha redución salarial. Desde a empresa automobilística achegaron dúas opcións en senllos encontros desenvolvidos esta semana. 

Dunha banda, a aprobación dunha nova táboa salarial que atinxiría futuras contratacións --cunha compensación para o actual persoal-- e un plan industrial que introduciría mudanzas loxísticas e nos provedores mais que garantiría, sinala Citroën, o mantemento do modelo de produción "bifluxo", isto é, con dúas liñas de montaxe. 
 

Citroën ameaza con non lanzar máis modelos desde Vigo

A baza que está a xogar a transnacional francesa nas negociacións baséase en condicionar o mantemento da viabilidade da factoría de Balaídos no recorte salarial e mesmo chegou a ameazar as centrais sindicais con non lanzar novos modelos de vehículos se non se chegar a un acordo en relación á baixada de soldos. 

A dirección asegurou que de non baixaren os custos salariais da fábrica Vigo non só perdería a adxudicación do 'proxecto K9' e das novas marcas de Peugeot, Citroën e Opel, senón que tamén tería moi difícil acceder a outros lanzamentos posteriores, embora ser a factoría máis produtiva de Europa e unha das máis rendíbeis da transnacional. 

As forzas sindicais con representación no comité (CIG-CC.OO-UGT-SIT-CUT) rexeitan a proposta presentada pola dirección. Aínda que con posicionamentos diferentes, até o momento mantense a unidade sindical. 

Así as cousas, o tempo esgótase. Citroën quer fechar un acordo a vindeira segunda feira (17 de novembro) mais os sindicatos non valoran como unha posibilidade aceptar as pretensións da transnacional, como tampouco @s operari@s da factoría. 
 

Folga

Até o de agora a única central que demandou unha folga foi a CUT. A súa proposta foi a convocatoria dunha greve por horas. Porén, decidiu finalmente desconvocala após recibir "ameazas" e "presións" por parte da dirección de PSA. Neste senso, Citroën advertiu que denunciaría a convocatoria e desenvolvemento dunha folga asegurando que esta sería de carácter "ilegal" por contar co "rexeitamento da maioría do comité de empresa". No entanto, máis voces comezan a se sumar a esta posibilidade. 

Desde CC.OO emitiron un comunicado após a sétima xuntanza da mesa de negociación que están a valorar a convocatoria dunha folga "a todo o cadro de persoal co apoio do sindicato estatal" para "garantir a súa legalidade". Afirman que "non é unha simple ameaza" e chaman a PSA a sentar a negociar. 

Comentarios