Cincuenta e oito días de folga en Lugo e sen solución

Esta cuarta feira (6 de agosto) o comité e Urbaser reuniranse de novo na mesa de negociación mais antes daranse cita nos xulgados. 

Após reiniciárense na terza feira as conversas entre o comité de folga e representantes da concesionaria do lixo, o conflito continúa sen solución. Urbaser non acepta a proposta achegada pola asemblea de traballadoras e traballadores --que pasa pola asunción da achegada polo mediador, Demetrio Fernández-- mais asegura que a estudarán. 

Na tarde desta cuarta feira, unha nova xuntanza entre as partes procurará unha solución negociada que desconvoque a greve e permita a sinatura dun novo convenio para @s operari@s. 

Antes disto, Urbaser e o comité de folga terán que verse as caras nos xulgados de Lugo. A empresa concesionaria da recollida de lixo terá que facer fronte a unha demanda pola vulneración do dereito a folga logo de que se contratasen furafolgas durante o paro para proceder ao cumprimento duns servizos mínimos impostos polo Concello que o cadro de persoal aceptaba asumir. 

Neste senso, as últimas decisións xudiciais deron a razón ás traballadoras e traballadores. A última delas tombar o devandito decreto de servizos mínimos por considerar que non se axustaba a dereito. 

Comentarios