Unhas 30.000 persoas beneficiaranse da suba do salario mínimo na Galiza

A CIG insiste en que a suba do salario mínimo interprofesional (SMI) debería chegar até os 1.167 euros mensuais.
O sector primario sería un dos beneficiados pola suba do SMI (Foto: Europa Press)
photo_camera O sector primario sería un dos beneficiados pola suba do SMI (Foto: Europa Press)

A CIG cualificou onte de "insuficiente" a suba do salario mínimo interprofesional até os 1.000 euros anunciada polo Goberno español. Segundo insisten desde o sindicato nun comunicado, o incremento debería chegar até os 1.167 euros mensuais, que se correspondería con 60% do soldo medio actual contemplado na Carta Social Europea.

Ademais, desde a CIG apuntan que a medida anunciada polo Goberno estatal só afectaría na Galiza pouco máis de 30.000 persoas, o equivalente a 4,3% da poboación asalariada, ao tempo que critican que o Executivo "estea a empregar unha vez máis o chamado diálogo social para non cumprir cos compromisos adquiridos".

"A pesar de que a lei obriga o Estado español a consultar sobre os incrementos do SMI, a ministra de Traballo non ten contactado coa CIG, que é a central maioritaria do país e ostenta a condición de sindicato máis representativo", denuncian desde a central nacionalista.

"O Executivo está a empregar unha vez máis o chamado diálogo social para non cumprir cos compromisos adquiridos".

Neste senso, insiste en que a suba so SMI até aos 1167 euros ao mes "é unha medida necesaria para a activación da economía e e para incrementar o consumo interno e o poder adquisitivo das clases traballadoras máis castigadas polas sucesivas crises que levamos padecendo dende o ano 2008".

A patronal, á marxe

O sindicato fixo estas declaracións no mesmo día que as patronais CEOE e Cepyme anunciaron que non van apoiar a proposta de Traballo por considerala "inasumíbel" e fóra da "lóxica económica".

"Non é o momento de aplicar unha nova subida do SMI en 2022, que parece responder máis a unha aspiración política no seo do Goberno que á lóxica económica", sosteñen nun comunicado conxunto.

Comentarios