A CIG "toma as rúas" este 1 de maio por unha "saída galega á crise"

Milleiros de persoas reclamaron "unha saída galega xusta á crise", así como "políticas alternativas" ás que agora están a provocar "a desertización industrial e social da Galiza".

Manifestación da CIG en Lugo [Imaxe: BNG].
photo_camera Manifestación da CIG en Lugo [Imaxe: BNG].

Baixo o lema “Unha saída galega xusta fronte á crise”, a Confederación Intersindical Galega (CIG) xuntou as traballadoras e os traballadores galegos para "tomar de novo as rúas" este sábado 1 de maio, cunha marcha central que saíu ás 12 horas da Dobrada, en Vigo

Cunha afluencia dunhas 1.200 persoas (600 segundo a Policía Local) reclamaron "unha saída galega xusta á crise", así como "políticas alternativas" ás que agora están a provocar "a desertización industrial e social da Galiza".

Coincidindo coa reivindicación que levan a cabo na campaña que iniciaron no mes de outubro de 2020, a CIG convocou, en concreto, 16 manifestacións e concentracións, que se desenvolveron, respectado todas as medidas de seguridade fronte á Covid-19, entre as 11.30 e as 12 horas deste sábado.

As manifestacións da central nacionalista tiveron lugar ás 11 horas en Ourense, ás 11.30 horas en Pontevedra e ás 12 en Ferrol, A Estrada, Compostela, Ribeira, A Coruña, Cee, Vigo, Cangas, A Guarda, O Barco de Valdeorras, Verín, Lugo e Viveiro.

Durante o acto, Paulo Carril, secretario xeral da central nacionalista, denunciou que a actual "crise pandémica" veu "multiplicar os efectos" da aínda vixente crise económica anterior e lamentou que as políticas agora "volven exporse nas mesmas coordenadas de salvar empresas, socializar os custos e privatizar os danos".

Xa en rolda de prensa anterior ao encontro, o secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, chamou a "saír a reivindicar unha saída xusta á crise" posto que "a pandemia está a ser aproveitada para que procesos que se estaban dando estean a significar importantes ameazas para a clase traballadora, dunha forma inxusta", en referencia á transición ecolóxica e a dixitalización.

Críticas aos gobernos estatal e galego 

Ante o aumento do paro, a caída dos salarios e o incremento da precariedade e a "pobreza laboral", Carril cargou contra o Goberno estatal de PSOE e Unidas Podemos ao asegurar que "segue actuando ao ditado de políticas neoliberais, disfrazadas de enorme propaganda" e "presentadas a través do diálogo social, esa secuela".

"É intolerábel que a crise avance sen que se derroguen as reformas que provocaron esta situación desastrosa", denunciou

A ese respecto, criticou as "políticas suicidas" do PP na Xunta e a actuación do Goberno estatal "que se di de esquerdas" pero "volve eludir cuestións chave". "É intolerábel que a crise avance sen que se derroguen as reformas que provocaron esta situación desastrosa", denunciou, á vez que censurou que o Executivo estatal veña a aceptar as "esixencias severas" da UE para acceder a fondos de recuperación.

Respecto diso, acusounos de estar "a axudar ás contas das empresas" e a "que as elites económicas vexan a saída da crise dunha forma máis vantaxosa", debido a "a vixencia" das reformas laborais e das pensións, entre outras, que entende "inxustificábel que sigan sen derrogarse".

Carril afeou ao popular Alberto Núñez Feixoo a "opacidade" con que se está traballando na captación de fondos europeos Next Generation

Á parte, Carril tamén cuestionou o funcionamento dos expedientes de regulación de emprego temporais (ERTE), que os ve como "unha vía para que a clase traballadora estea sen futuro", ao facerse "á carta".

En canto ao Executivo galego, afeou ao popular Alberto Núñez Feixoo a "opacidade" con que se está traballando na captación de fondos europeos Next Generation, e asegurou que están "a ser un auténtico festín para os fondos de investimento" e "en absoluto" están a xerar "nin emprego nin industria". 

Xunto a Carril, Susana Méndez, secretaria de Organización da CIG, animou as traballadoras e os traballadores a responder na rúa "coa contundencia e combatividade que require a situación". 

Méndez tamén advertiu de que as mulleres "seguen pagando dobremente cada crise" e puxo o exemplo das traballadoras de hostalaría e do comercio, ou as dos sectores relacionados cos coidados.

Por outra banda, o líder da CIG reivindicou o "dereito de autodeterminación" para que Galiza decida o seu futuro, así como a liberación das patentes das vacinas contra o Covid-19, para "acabar co monopolio" das farmacéuticas e a "mercantilización" da saúde.

Comentarios