CIG transforma a greve xeral do 19X nunha xornada nacional de mobilización

O secretario xeral, Paulo Carril, anuncia que o paro convocado para o 19X “suspéndese uns meses” para comprobar se a “nova correlación de forzas” a raíz da moción de censura se traduce nun “cambio” nas políticas laborais e sociais. “Se non é así, retomaremos a convocatoria”.

susana mendez paulo carril cig
photo_camera Susana Méndez e Paulo Carril

CIG suspende a greve xeral do 19 de xuño. Non é unha desconvocatoria definitiva senón unha suspensión “durante uns meses”, explicou o secretario xeral do sindicato, Paulo Carril, a raíz do novo escenaio creado após a caída do PP na moción de censura da pasada sexta feira. Hai un novo goberno e unha nova correlación de forzas e a CIG quer comprobar por onde ‘respiran’. “Somos conscientes de quen é o PSOE”, dixo Carril, que lembrou que os socialistas tamén teñen no seu debe reformas laborais e políticas contra a clase traballadora. De aí, anunciou, que a central sindical estará “atenta” nestes meses á dinámica de goberno e “a nova correlación de forzas”.

“É unha suspensión da folga en espera de que o calendario vaia collendo forma”, di o secretario xeral da CIG. Por calendario Carril refírese, explica, a aquelas cuestións que se puxeron sobre a mesa como razóns que xustificaban a convocatoria dunha greve xeral: reforma laboral, ataques sistema público de pensións, precariedade, recortes, retrocesos en dereitos e liberdades…

Toca agora vixiar, “estar atentos”, a se hai vontade e pasos de cara a dar solución a esas cuestións.

Xornada nacional de mobilización

O 19 de xuño non haberá greve mais si unha xornada nacional de mobilización. Á espera de se concretar a hora definitiva, haberá manifestacións nas diferentes comarcas.

Paulo Carril, que na comparecencia estivo acompañado de Susana Méndez, secretaria de Organización, defendeu a decisión o pasado 1 de maio de convocar unha greve xeral. “Estabamos no certo cando chamamos á folga xeral para facer fronte á situación”, dixo, “unha folga como moción de censura da clase traballadora” contra as políticas “dun goberno corrupto” que empobrecía a maioría social.

Defendeu que se deu ese paso perante a “inacción das forzas de esquerda” que permitían que un PP “en minoría” mantivese políticas e medidas lesivas para a clase traballadora e de recorte en dereitos e liberdades sociais e laborais. “Somos conscientes de que coa nosa loita contribuímos a que o goberno do PP caera”, dixo, afirmando posteriormente que “ninguén nos vai recoñecer ningún mérito”, e engadiu en referencia ás principais centrais que non apoiaron convocar un paro: “Algúns ficaron retratados dun xeito moi vergoñento”.

Mobilizacións: 

A Coruña: Praza de Vigo, 20h

Cee: Praza 8 de marzo, 20h

Ferrol: Praza de España, 20h

Santiago: Praza Roxa, 20h

Pontevedra: Praza da Ferreiría, 20h

Vilagarcía: Casa do Mar, 20h

A Estrada:  Praza do Mercado, 20h

Vigo:  A Doblada, 20h

Ourense:  Edificio Sindical (Parque de San Lázaro), 20h

Lugo: Edificio Sindical (Ronda da Muralla), 20h

Burela:  Local CIG (Avda. Arcadio Pardiñas), 20h

Monforte:  Praza de España, 20h

As Pontes: Praza do Hospital, 19:30h

A Pobra do Caramiñal: Cantón da Leña, 20h

Comentarios