CIG-Saúde féchase no Sergas para exixir respostas sobre Povisa

A protesta motivouna a falta de contestación ás peticións de reunión que lle enviaron ao conselleiro.

Feche de CIG-Saúde de Povisa no Sergas [Imaxe: CIG]
photo_camera Feche de CIG-Saúde de Povisa no Sergas [Imaxe: CIG]

Membros do comité de POVISA e da CIG-Saúde mantiveron esta terza feira un feche nas instalacións da Consellaría de Sanidade, en Compostela, para denunciar a situación de Povisa e exixir ser recibidos polo conselleiro, Jesús Vázquez Almuíña.

María Xesús Neira, presidenta do comité de empresa de Povisa, afirma desde o interior da Consellaría que a acción desta terza feira veu motivada pola falta de resposta a unha carta que lle enviaron ao conselleiro de Sanidade. “Decidimos acudir hoxe sen cita para que nos diga a  razón de permitir a venda de Povisa a unha multinacional ianqui que o único que vai facer é empeorar as nosas condicións laborais e a calidade asistencial que se presta aos usuarios do hospital Povisa”, sinala.

No feche tamén participou María Xosé Abuín, secretaria xeral de CIG-Saúde que desaprobou a actitude do conselleiro estes días. “É incríbel que o máximo responsábel da política sanitaria deste país se negue a recibir a representantes das traballadoras e traballadores”, indica, “á CIG que é o sindicato maioritario na sanidade pública”.

Logo da protesta, a media mañá, mantiveron unha reunión co xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, quen asumiu o compromiso de concretar unha reunión co conselleiro nun prazo de quince días. De xeito paralelo ao feche, un grupo de delegadas e delegados da CIG-Saúde permanece concentrado diante das instalacións da Consellaría de Sanidade en San Lázaro.

Comentarios