A CIG satisfeita de que se declare "ilegal" o acordo da carreira na Xunta

O sindicato nega que os funcionarios vaian deixar de cobrar este complemento tras o fallo e urxen negociar xa un sistema de carreira "universal". CCOO e UXT piden que a Xunta recorra a sentenza.
Sede central da Xunta en San Caetano, Compostela (Arxina).
photo_camera Sede central da Xunta en San Caetano, Compostela (Foto: Arxina).

A secretaria nacional da CIG-Autonómica, Zeltia Burgos, pediu "menos manipulación" a UXT e CCOO tras as críticas vertidas por estes dous sindicatos á sentenza que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) emitiu o 14 de xullo e que anulaba o sistema de carreira profesional estabelecido para o persoal funcionario e laboral da Xunta.

No fallo, os maxistrados estimaron parcialmente un recurso da CIG contra o acordo asinado en xaneiro de 2019 entre a Administración autonómica e CCOO e UXT, por entender que estabelece "unha diferenza non xustificada" para as e os empregados interinos e temporais.

Burgos subliñou que desde o momento no que se negociou o acordo, que non estabelecía un sistema universal, a CIG xa advertira que, "ademais de ser ética e  sindicalmente reprobábel, era contrario ao principio de igualdade e vulneraba o ordenamento xurídico do Estado español e do dereito europeo".

Así mesmo, a sindicalista negou que o persoal funcionario de carreira deixe de cobrar este complemento para pesar do fallo do TSXG, tal e como advertían CCOO e UXT.

"As razóns son sinxelas: a sentenza anula un acordo sindical, pero non anula a orde pola que foi convocado o grao extraordinario", explicou a responsábel da CIG-Autonómica.

Críticas de CCOO e UXT 

Os sindicatos CCOO e UXT criticaron a sentenza do TSXG e cargaron contra a central nacionalista sinalando que a decisión era un "retroceso no dereito á carreira".

Por este motivo exixiron nun comunicado que a Xunta da Galiza recorra a decisión xudicial e continúe pagando a carreira profesional extraordinaria, tal como está acordado no Acordo de concertación social, e aplique xa o acordo de mellora aprobado en 2019. 

Comentarios