A CIG rodea mañá a Xunta contra a "inacción do PP"

Catro marchas confluirán en San Caetano desde distintos puntos de Compostela para reclamar ao Goberno do PP na Xunta da Galiza “un verdadeiro Plan de Recuperación Económica, Industrialización, creación de Emprego, Dereitos e Servizos Públicos”.
Mobilización recente da CIG a prol das traballadoras de Inditex. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Mobilización recente da CIG a prol das traballadoras de Inditex. (Foto: Nós Diario)

Delegadas e delegados da Confederación Intersindical Galega rodearán esta terza feira a Xunta da Galiza para reclamar “un verdadeiro Plan de Recuperación Económica, Industrialización, creación de Emprego, Dereitos e Servizos Públicos”, apunta a central sindical, “que garanta o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra” diante da “inacción do PP".

Catro marchas procedentes das comarcas da Galiza comezarán o seu percurso en distintos puntos de Compostela: desde a rúa Cruceiro da Coruña, a estación de tren e autobús, o Campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela e o edifico sindical en San Lázaro, dirixiranse cara San Caetano, onde se sitúa o edificio administrativo da Xunta.

Na convocatoria, a CIG estima que as marchas cheguen a San Caetano contra as 11.30 horas. Ás 12 da mañá, pouco antes de comezar co fechamento da Xunta, intervirá nos xardíns a carón da capela de San Lázaro o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.

A central sindical nacionalista chama a mobilización debido a que “a acción do PP e de Feixoo está a contribuír de forma intensa á destrución de emprego e dos nosos sectores produtivos, do comercio, da hostalaría e de industriais estratéxicas”, salientan, amais explican que esta problemática é xeral, e atinxe a “comarcas enteiras, especialmente no norte da Galiza”.

Tamén inciden en que de non actuar rápido, pode ser irreversíbel o proceso das comarcas que “se atopan en plena reconversión e demolición, en pleno proceso de desertización industrial e social”.

“Esta situación é consecuencia das políticas suicidas do goberno Feixoo”, destaca a CIG, que as considera “submisas aos intereses dos fondos de investimento e ás directrices de Madrid e Bruxelas”, ben que isto xere o agravamento da “crise social e demográfica, aumento da emigración, a privatización de servizos públicos e a mercantilización dos coidados”.

Outro dos puntos que cuestionan e a carencia de “políticas públicas para unha transición social e territorial xusta que fagan fronte á ditadura imposta polo oligopolio das empresas eléctricas”, que non asumen “os custes sociais, laborais e medio ambientais que están a causar mentres lideran a especulación ligada ás enerxías renovábeis”, todo isto en pleno “proceso de descarbonización”.

Comentarios