A CIG rexistra o preaviso de paro xeral para o 19 de xuño

"A greve é a nosa moción de censura"

A CIG rexistrou esta sexta feira na Consellaría de Economía, Emprego e Industria o preaviso de greve xeral para o 19 de xuño. O secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, asegurou que a greve “é a nosa moción de censura” diante da situación de “emerxencia nacional e social” que estamos a vivir do punto de vista laboral, social, económico e político-institucional. Vídeo no interior.

Carril salientou a importancia de se mobilizar e apoiar o paro como ferramenta para recuperar os dereitos e derrogar as reformas “que provocaron o empobrecemento, a precariedade e a situación de explotación laboral que padece a clase traballadora” ao tempo que indicou que “un sindicato digno de tal nome, nun momento como este, ou dá un paso á fronte e convoca unha folga xeral ou, senón, entendemos que o seu papel é inútil”.

Considerou o secretario xeral que “non podemos permitir que a desmobilización, a pasividade e o silencio sexan a resposta” e asegurou que “nós non imos calar, non estamos dispostos a que o PP manteña con mans de ferro estas políticas nin en Galiza nin no Estado, que tanto drama social están a provocar”, máis aínda despois da sentenza que confirma que “é unha organización que hai que ilegalizar, que é unha organización criminal”

Mocións nos concellos

A CIG tamén presentará nos concellos galegos mocións para que as corporacións municipais debatan en pleno sobre as razóns da convocatoria  da greve xeral, manifesten o seu apoio e animen a veciñanza a secundala.

No texto da moción lémbrase que as decisións políticas adoptadas desde o inicio da crise económica téñense demostrado un auténtico  roubo e saqueo á clase traballadora e ao conxunto do pobo galego. “A recuperación económica da que se fai propaganda á diario non existe,  é só para as persoas ricas, que aumentan a súa riqueza, á conta dun empobrecemento xeral”. Denúnciase ademais que “ter un traballo non permite vivir en condicións dignas”.

Comentarios