A CIG rexeita os cambios propostos por Iceta para a función pública

A central sindical advirte de que a reforma deixa "tiradas" a centos de traballadoras interinas e temporais
Protesta das traballadoras públicas diante da Delegación do Goberno na Coruña (Foto: CIG).
photo_camera Protesta das traballadoras públicas diante da Delegación do Goberno na Coruña (Foto: CIG).

A CIG mostrou onte o seu rexeitamento aos cambios propostos polo Executivo español para o Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) cunha concentración ante a Delegación do Goberno na Coruña na que denunciaron que, de aplicarse, van deixar "tiradas" miles de persoas interinas e temporais".

Segundo o sindicato, trátase dunha reforma que se fai "de costas" a un persoal interino que "durante anos" foi "vítima" da temporalidade nos cadros de persoal da Administración.

O responsábel da área pública da CIG, Suso Bermello, advertiu que o persoal interino "verase dobremente penalizado" pola  introdución de unha diferenciación "inxustificábel" entre o persoal que está "en situación de fraude" e aquel que no futuro sexa persoal interino. "A proposta non contempla ningún tipo de reparación para estas persoas, tal e como esixe a xurisprudencia europea, mentres que para as que entren no futuro si que se recoñecería expresamente esa indemnización de 33 días por ano", resaltou Bermello, que considera esta cuestión "un insulto".

Neste sentido, exixiu o Executivo estatal e ao ministro Miquel Iceta "solucións" para facer fronte ao "abuso" da temporalidade na Administración, con persoas que permanecen durante 15 anos en prazas vacantes de postos estruturais.

"Nese camiño é onde o goberno do Estado ten que buscar unha solución para frear a fraude e, ao tempo, dar unha saída a todas estas persoas", recalcou Bermello, que ve na proposta do ministro Miquel Iceta un intento por "botar balóns fóra" e mover a problemática ao ano 2024, cando se dará "a mesma situación pero con máis sentenzas xudiciais e maior confusión", advertiu.

Proceso transparente

Nesta liña, a central nacionalista reclama tamén que o proceso de negociación para a reforma do estatuto se produza "con transparencia" e que todas as organizacións sindicais con representación na mesa xeral "teñan un coñecemento exacto do que se está falando". 

E é que, segundo denuncian, o Goberno español e os sindicatos CCOO, UXT e CSIF negocian "ás agachadas" esta modificación "para logo presentar na mesa xeral un documento previamente cociñado e que caerá nos mesmos erros dos acordos de 2017 e 2018", advirten desde o sindicato.

Comentarios