Paulo Carril recunca como secretario xeral da CIG para consolidar a central como primeira forza

No marco do VIII Congreso da CIG, baixo o lema “Forza para avanzar”, a encabezada por Paulo Carril era a única candidatura presentada. Entre as súas metas, o actual secretario xeral fixa a derrogación das reformas laborais

Paulo Carril no congreso da CIG. (Foto: CIG).
photo_camera Paulo Carril no congreso da CIG, o sábado 9 de outubro. (Foto: CIG).

A CIG realiza este sábado día 9 o seu VIII Congreso co "acordo" no seo da organización sindical de que concorra unha única candidatura, a do actual secretario xeral, Paulo Carril, quen deste modo revalida o seu mandato co obxectivo de consolidar a central como primeira forza sindical.

Baixo o lema “Forza para avanzar, o VIII Congreso da CIG desenvólvese desde as 9.30 horas no Pazo de Congresos de Santiago, onde estaba prevista a asistencia de máis de 600 delegadas e delegados.

A secretaria confederal de propaganda, Lucía Freire, informou de que acudirán delegacións de Cuba, Portugal, Euskadi, Chile, Brasil, Cabo Verde e Sahara, entre outros lugares. 

En paralelo, segundo explicou a responsábel de organización, Susana Méndez, programaron actividades como a homenaxe en Ferrol a Antonio Soto, "líder da Patagonia rebelde", e un seminario internacional baixo a lema “Na defensa do traballo na era covid”.

"Saída galega e xusta"

Pola súa banda, Paulo Carril avogou por "reforzar" a capacidade da organización para "confrontar" os poderes económico e político, coa finalidade de "gañar unha saída galega e xusta" á crise.

Neste contexto, fixa entre as súas metas "consolidar e ampliar" a CIG como primeira forza sindical, para "seguir formulando alternativas" e "combinando mobilizacións" nas empresas e na rúa.

De acordo cos seus datos, os afiliados á CIG representan ao redor do 10% da poboación asalariada da Galiza, o maior dato que "nunca" tivo o sindicato, ademais de contar co 30% da representación sindical, o que a converte en primeira forza, por diante de UXT e CCOO.

"Plan de recuperación económica"

A CIG esixirá nos próximos catros anos "un auténtico plan de recuperación económica e creación de emprego digno", así como a defensa dos servizos públicos e a derrogación das reformas laborais."Manter as reformas laborais en vigor está a facilitar que as empresas afronten a crise deixando após de si un regueiro de despedimentos", denunciou Paulo Carril.

A central tamén aspira a "ser referentes do feminismo de clase" e reivindica nos últimos anos ser "chave en moitas loitas". "Coa pandemia é necesario redobrar os esforzos para que a desmobilización e a resignación non facilite o capital", esgrimiu o seu líder.

Neste punto, cargou contra o diálogo social, que ao seu xuízo está "a contribuír a un desprestixio do sindicalismo", e criticou que o "sindicalismo español está a renunciar a dar a batalla ideolóxica e política para que haxa un cambio real de políticas".

Comentarios