CIG responsabiliza á Medio Rural e Tragsa da morte do veterinario de As Nogais

Vacas pastando nunha leira (Xunta).
photo_camera Explotación gandeira (Foto: Nós Diario).

Arredor das 10 horas da mañá de onte, a central do 112 recibía un aviso para atender a un veterinario golpeado por unha vaca en As Nogai, que pouco despois perdería a vida logo de sentirse "indisposto".

Hoxe, o sindicato CIG responsabiliza á Consellaría de Medio Rural e á empresa pública Tragsa do seu pasamento: "As condicións de seguridade e saúde na que o persoal veterinario que realiza as campañas de saneamento gandeiro -que Medio Rural encomenda ano tras ano a Tragsa- son absolutamente deficientes, con xornadas maratonianas, lotes semanais de número de reses a sanear imposíbeis de sacar adiante en condicións seguras, e sen nin sequera dispoñer de mangas para a suxeición dos animais, ademais da obriga de ter que realizar o traballo unha persoa soa".

"O saneamento gandeiro era realizado hai tempo por dúas persoas, pero os dirixentes políticos da Xunta de Galicia, en conivencia cos xestores da empresa pública Tragsa e da súa filial Tragsatec, decidiron que ían aforrar custos a conta da seguridade das traballadoras e traballadores, ou incluso da súa vida como nesta ocasión, e obrigaron ao persoal a realizar en solitario as labores que antes facían en equipos de 2 persoas", revelan.

Segundo explica a CIG, estas condicións laborais, xunto coa "presión" que se exerce desde a empresa para que se execute unha carga de traballo "allea ao razoábel", trae como consecuencia "que unha persoa como este compañeiro que onte perdeu a vida, despois de levar un golpe na cabeza propinado polo animal que estaba saneando, no lugar de tomar consciencia da gravidade do golpe recibido, pechase primeiro os datos do lote que estaba realizando. Só despois lle foi posible atender ás súas lesións, o que exemplifica claramente a presión á que están sometidas estas persoas veterinarias que realizan o saneamento gandeiro da Xunta da Galiza", conclúen.

Comentarios