CIG: prorrogar o estado de alarma sen medidas é "irresponsábel"

exército coronavirus compostela (Arxina)
photo_camera Exército en Compostela (Arxina)

A CIG considera que a decisión de prorrogar o estado de alarma é "irresponsábel". O seu secretario xeral, Paulo Carril, asegura que o goberno "acumula erros e adopta tarde medidas que son imprescindíbeis para frear a pandemia". Por este motivo insiste en que "se deben paralizar todas as actividades que non sexan esenciais para afrontar a situación de emerxencia sanitaria que padecemos".

Para a central nacionalista se non se aproba de inmediato un paquete social será difícil a recuperación cando remate a emerxencia sanitaria e "contribuirá a unha crise social". Este sindicato lamenta "que se despregue a policía e o exército para labores de control social e non para garantir a paralización real de todas as actividades non esenciais e que estas se desenvolvan coas oportunas medidas de protección para evitar calquera risco de contaxio".

"Caos" actual e risco de empobrecemento

Carril afirma que as "insuficientes e inxustas" medidas tomadas até agora crearon "caos" e denuncia o grave risco de que o confinamento "acabe provocando un aínda maior empobrecemento da clase traballadora, por mor da significativa redución de ingresos que van sufrir". Critica que non se modifique o Decreto 8/2020 para que en todas as contratas dependentes das administracións públicas "se garanta o emprego e os salarios íntegros das traballadoras".

Nesta situación, explican desde a CIG, a caída dos ingresos nas familias e o atraso no cobro dos salarios e das prestacións por desemprego ten que "obrigar" o Goberno a aprobar de urxencia un paquete de medidas que axude ao pago dos alugueiros e que obrigue as entidades financeiras e as empresas eléctricas a condonar o pago das mensualidades como hipotecas ou recibos durante o tempo que dure o estado de alarma. 

Comentarios