CIG propón a transferencia de Correos a Galiza

A central sindical nacionalista CIG vén de solicitar esta sexta feira unha reunión co presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, para propoñerlle que inste o Parlamento galego a pedir a transferencia dos servizos que presta na actualidade a empresa estatal Correos.
Anxo Álvarez, CIG Correos (CIG)
photo_camera Anxo Álvarez, CIG Correos (CIG)

Esta reivindicación é histórica no sindicato e tería moitas repercusións positivas como explica a Sermos Galiza Anxo Álvarez, delegado de CIG en Correos. “Melloraría o servizo e a transferencia levaría consigo de todos os inmobles e os recursos humanos que ten Correos na Galiza”, explica.

A transferencia do servizo postal é unha posibilidade que recolle a Constitución española e o Estatuto de Autonomía. A proposta é única en todo o Estadosería a primeira en realizarse. “Non hai ningunha reivindicación semellante por parte dos sindicatos do Estado, é algo histórico noso”, sinala Anxo Álvarez.

Traspaso viábel

O servizo postal universal está atribuído á empresa pública Correos e Telégrafos, que nestes momentos está a diversificar a súa actividade en distintos negocios e servizos. Neste sentido, o secretario nacional da CIG-Correos, John Vivanco, afirma que "non podemos deixar de pensar nas posibilidades que tería un servizo de Correos de Galiza para achegarse a núcleos e negocios illados e a colectivos de persoas que tenden á infracomunicación”.

O traspaso caso de realizarse levaría o seu proceso. “Tería que levar acompasado a avalición do custe real da prestación do servizo postal universal na Galiza”, sinala Álvarez a Sermos.

O Estado ten reservada a competencia exclusiva en materia de correos e que ten subscrito un Contrato-Programa coa empresa pública Correos para a prestación do servizo, para poder efectivizarse a asunción do servizo postal, a Comisión Bilateral.

Desde CIG apuntan que caso de que fora adiante habería de estabelecer a subrogación da Xunta na posición da Administración Xeral do Estado, e remitir a un convenio entre a Administración galega, como nova autoridade postal na prestación do servizo de correos en Galiza, e a «Sociedad Estatal Correos y Telégrafos, SA» o estabelecemento e concreción das condicións de xestión e prestación dos servizos.

Comentarios