CIG presenta unha “proposta urxente” de medidas laborais para o desconfinamento

Avoga por introducir modificacións legais e aprobar un paquete fiscal para minimizar o impacto da crise nas traballadoras.

A CIG, sindicato maioritario na Galiza, vén de presentar as súas “propostas urxentes” en medidas laborais para a fase de desescalamento. Unha iniciativa que adoptan, sinalan, ao considerar que as propostas nesta materia tanto do Goberno galego como español “inciden na inxustiza das políticas aprobadas dende o inicio do estado de alarma”.

A central consideras un “erro” que no inicio desta crise non se aprobase a concesión de permiso persoal retribuído, en base ao artigo 37,3 do Estatuto das Traballadoras, e a creación dun fondo extraordinario para sufragar as medidas.

Ante a chegada dun novo escenario, a CIG presenta unha serie de propostas en campos como os ERTEs, o teletraballo ou a negociación colectiva, entre outros.

No que respecta aos expedientes de regulación temporal de emrpego, o sindicato pide derrogar as reformas laborais e que se prohiba simultanear ERTEs con descolgamentos salariais ou inaplicacións do convenio colectivo e modificacións substanciais das condicións de traballo.

No que atinxe á negociación colectiva, demandan a “garantía do incremento salarial dos convenios colectivos pendentes de renovar de acordo ao 1%, segundo o IPC real final do ano 2019; e garantir a aplicación das cláusulas de revisión salarial”.

Teletraballo

A CIG demanda unha anulación, control e garantías sobre o dereito á desconexión dixital, dereito á protección de datos e uso de internet, así como toda medidas necesarias en materia de prevención de riscos laborais.

“ Todos os documentos que recollen as condicións de teletraballo (acordos forzosos) asumidas polas traballadoras e traballadores desde que comezou a alerta sanitaria, deberán ser considerados como temporais e só aplicábeis á duración desta situación, quedando sen efecto ao remate desta”.

Así mesmo, piden que se estableza unha compensación extraordinaria obrigatoria para o persoal que estivese traballando dende o seu domicilio cos seus propios medios.

Coidados e conciliación

O sindicato pide que se garanta que ante as peticións de reducións e adaptacións de xornada para a atención á poboación vulnerábel “as solicitudes sexan aprobadas automaticamente pola empresa".

Transitoriamente, “garantirase que as persoas traballadoras que non teñan outra alternativa non vexan os seus ingresos reducidos en máis do 30% da súa base de cotización (100% da cotización)”. 

Financiamento

Como financiar o gasto público xerado por estas propostas, así como outras medidas en marcha desde o inicio desta crise? A CIG propón paquete de medidas fiscais “coa creación dun imposto sobre os beneficios da banca e os activos financeiros, a eliminación dos privilexios fiscais das SICAV e das grandes empresas”.

A isto engade o “desvío das partidas correspondentes que están destinadas aos gastos militares e da Casa Real nos Orzamentos Xerais do Estado en vigor a contías necesarias para afrontar este gasto público”.

Comentarios