Premios 8 e 10 de Marzo

CIG premia o persoal de Bershka e o de Ferroatlántica

Como cada ano, CIG entregou os Premios do 8 e do 10 de Marzo a traballadoras e traballadores “exemplo de loitas sindicais”. Nesta edición, o Premio 8 de Marzo recaeu no persoal de Bershka, mentres que o Premio 10 de Marzo foi dar no de Ferroatlántica de Cee, Dumbría e Centrais Hidroeléctricas.

[Imaxe: CIG] As premiadas e premiados, con Paulo Carril e Margarida Corral
photo_camera [Imaxe: CIG] As premiadas e premiados, con Paulo Carril e Margarida Corral

Nun acto de confraternidade, o sindicato CIG fixo entrega dos seus premios anuais, o do 8 e o do 10 de marzo, que nesta edición lles foron entregados ao persoal de Bershka (8 de Marzo) e no de Ferroatlántica de Cee, Dumbría e Centrais Hidroeléctricas (10 de Marzo). Aliás, a central sindical recoñeceu cunha mención especial a loita das traballadoras e traballadores do 112, que mantiveron unha greve de 83 días que fixo realidade as súas reivindicacións.

Na súa intervención, Paulo Carril, secretario xeral da CIG, puxo de manifesto as dificultades do sindicato á hora de decidir o conflito ao que se lle outorgaría o premio 10 de Marzo. Unhas dificultades, dixo, que evidencian “a capacidade de loita que ten a CIG para facer fronte á explotación e ao empobrecemento da clase traballadora”.

Carril erixiu a central sindical en “expresión da clase traballadora galega que ten vontade firme de continuar o longo proceso histórico de construír ferramentas que, desde a autoorganización do pobo galego, permitan racharmos o poder do capital e camiñarmos á conquista dunha Galiza Ceive e sen explotación”.

Paulo Carril emprazou a “non caer na resignación, nin na pasividade, nin na desmobilización nin, sobre todo, no sindicalismo do pacto social”

Após dar conta do contexto contrario aos intereses da clase traballadora –reformas laborais; reformas da negociación colectiva; reforma das pensións; desmantelamento da sanidade pública; a precariedade e a pobreza laboral; a emigración; a destrución do tecido produtivo e industrial, o espolio e depredación dos recursos naturais, das materias primas e dos aforros–, Carril emprazou a “non caer na resignación, nin na pasividade, nin na desmobilización nin, sobre todo, no sindicalismo do pacto social”.

Precisamente, o secretario xeral da CIG, puxo de manifesto que “cada día sorprende máis” ese “sindicalismo de pacto social” ao terse xa convertido “nun colaborador leal do PP, como demostran os recentes e vergoñentos acordos sobre o SMI, ou para a mellora do emprego público”. Acordos cos que os acusou de “lexitimar o avance do modelo escravizante da reforma laboral e da política neoliberal do goberno”.

“Queremos ter máis capacidade de combate para a conquista dos dereitos das mulleres”, afirmou Carril, quen agregou que “é imprescindíbel pois que a CIG siga sendo o mellor instrumento reivindicativo, útil e capaz e con alternativas convertendo a conflitividade social en organización, mesmo en poder popular, así como dar pasos firmes  para ser un maior referente na acción feminista da clase traballadora galega”. De aí que fixese un chamamento para continuar coas mobilizacións.

Margarida Corral, secretaria das Mulleres da CIG, foi quen entregou o Premio 8 de Marzo ás traballadoras de Bershka de Pontevedra, “as primeiras en enfrontarse e plantarlle cara ao xigante Inditex” que lograron, tras nove días de folga indefinida, un acordo coa empresa para rematar coa discriminación salarial e acadar todas as medidas sociais relativas á conciliación familiar e á incapacidade permanente do resto do persoal alén de Pontevedra, como permisos, excedencias, tempo de descanso ou lactación.

O éxito do paro do 8 de marzo

“Estas traballadoras foron quen de dar unha resposta de clase ao abuso patronal”, salientou Corral, unha resposta “como a que deron tamén miles e miles de mulleres o pasado 8 de marzo nos centros de traballo e nas rúas” e das que tamén quixo facer mención especial. Neste sentido, cualificou o paro do 8 de marzo de “inesquecíbel para as galegas e para o feminismo deste país”. Un “feche histórico” ao que se chegou após centos de asembleas convocadas nos centros de traballo, xornadas de reparto na rúa, actos públicos e faladoiros para divulgar a convocatoria ou os debates sobre as discriminacións que sofren as mulleres. Un labor do que participaron “todas e cada unha das mulleres da CIG”.

Margarida Corral ás mulleres da CIG: “É de xustiza pór en valor o voso esforzo, pese as críticas, os ataques, os abusos da patronal e mesmo a pesares das burdas estratexias doutras centrais sindicais

“É de xustiza pór en valor o voso esforzo, a vosa tenacidade, a vosa capacidade inmensa de traballo, pese as críticas, os ataques, os abusos da patronal e mesmo a pesares das burdas estratexias doutras centrais sindicais que non perseguían máis obxectivo ca o de invisibilizarnos e que non puideron conquirir”, agregou Margarida Corral. Foi a CIG, lembrou, quen conseguiu levar aos centros de traballo o debate sobre a necesidade da folga e que esta fose secundada, tal e como se constatou nas preto de 40 concentracións convocadas e cidades e vilas de toda Galiza. Tamén foi a CIG quen “politizou e ideoloxizou” os debates que se deron arredor da convocatoria de folga, dándolle un contido de clase á conmemoración do 8 de marzo, entre a afiliación e no seo das empresas.

Comentarios