CIG premia a combatividade obreira polo 8 e 10 de marzo

Os galardóns que anualmente concede a central sindical nacionalista foron para dous dos grandes conflitos en que @s traballador@s amosaron maior resistencia: a das operarias da Residencia Valle-Inclán e de Albada. 

CIG
photo_camera [Imaxes: CC BY-NC-SA CIG-Avantar ]

Algunhas persoas non lembrarán o acontecido coa recollida de lixo da Coruña en 2013, mais @s operari@s da Albada --empresa concesionaria da planta de xestión de residuos de Nostián-- mantiveron unha folga durante 108 días. Máis de 3 meses de paro para exixir a readmisión d@s 8 operari@s despedid@s ao comezo das negociacións do convenio colectvio e o mantemento dos postos de traballo, cando menos, até a súa finalización en decembro de 2014. 

Con motivo deste 10 de Marzo, a Confederación Intersindical Galega (CIG) recoñeceu a combatividade e resistencia d@s traballador@s de Albada co Premio 10 de Marzo ao Día da Clase Obreira Galega que recolleron representantes do comité de empresa.

Neste senso, o secretario xeral da central sindical, Suso Seixo, salientou na entrega do galardón "a importancia" non só da loita mantida durante meses pol@s operari@s da planta de xestión de residuos de Nostián, senón tamén, "os logros conseguidos" que supuxeron, para alén da recuperación dos postos de traballo destruídos, o mantemento das retribucións face a redución salarial que prevía aprobar a empresa. 

Aliás, as traballadoras da Residencia de idos@s Valle-Inclán, sita en Vilanova de Arousa, foron as agasalladas co Premio 8 de marzo do Día da Muller Traballadora. Margarida Corral, Secretaria Confederal das Mulleres da CIG puxo en valor a resistencia das empregadas desta residencia pública que agardan desde finais de 2013 o cumprimento das máis dunha ducia de sentenzas favorábeis que exixen a restitución dos postos de traballo a 15 despedidas  dun total de 39. 

20 anos na "defensa da clase traballadora galega"

Un conflito que, para alén de laboral, atinxe tamén á Xunta de Galiza por perante un posíbel delito de desviación de fondos públicos, como avanzou Sermos Galiza. Corral, salientou na súa intervención "a pasividade" do goberno galego nun conflito do que é responsábel, asegurou, a propia Consellaría de Traballo da que depende a xestión da devandita residensia. 

O acto decorrido esta sexta feira, serviu de homenaxe á propia central sindical que cumpre este 2014 20 anos da súa asemblea constituínte após a fusión da INTG e a CXTG “unindo de novo nunha soa organización ao sindicalismo nacionalista nado a principios dos 70”, lembrou Suso Seixo. Un tempo, asegurou para construír unha "ferramenta eficaz e importante para a defensa da clase traballadora galega" que ao longo desta vintena de anos se mantivo "unha postura firme fronte ao poder político e económico dominante e opresor" en tanto que, " sindicato de clase e nacional".

Comentarios