CIG e CGTP denuncian a “sobreexplotación” transfronteiriza e sinalan os poderes públicos

“Salarios de miseria, xornada extenuantes, discriminación e condicións abusivas en subcontratas de sectores como a construción é froito da permisividade das administracións públicas” denuncian ambas centrais.

CIG CGTP
photo_camera Á reunión asistiron pola FEVICCOM (Federação Portuguesa dos Sindicatos da Construção, integrada na CGTP) José Martins, responsábel do sindicato na rexión do Norte, e Nuno Gonçalves e Pedro Jorge Soares, da Rexión do Sur de Portugal. Pola CIG, Xosé Lois Rivera, responsábel de Relacións Internacionais, Francisco González Sío, secretario confederal de Negociación Colectiva, Plácido Valencia, o secretario nacional da FCM, Carlos Méndez, secretario comarcal da FCM en Vigo e Óscar Núñez, secretario da Unión Local de Verín-A Limia.

Delegacións dos sindicatos CIG (Galiza) e CGTP-IN (Portugal) mantiveron unha xuntanza en Verín inscrito no marco de colaboración asinado entre ambas as dúas centrais. Unha reunión na que se tratou “abordar a grave situación laboral daqueles traballadores/as que se desprazan a ambos lados da fronteira galego-portuguesa para exerceren a súa actividade”. Así, denuncian salarios de miseria, xornada extenuantes, discriminación e condicións abusivas en subcontratas de sectores como a construción e sinalan a responsabilidade das administracións públicas, “tanto comunitarias como dos Estados español e portugués”.

Hai  empresas, afirman CIG e CGTP-IN, “na súa maioría subcontratas”,  que operan nas obras públicas das provincias de Ourense e Pontevedra, captan man de obra precaria en Portugal co obxectivo de maximizar o lucro mediante a vulneración dos dereitos sociais e táboas salariais dos convenios preceptivos da nosa lexislación, favorecendo o chamado “dumping social”. Alén disto, exercen graves abusos sobre os operarios con actividade en infraestruturas como a ponte de Rande, Zona Franca e obras municipais de Vigo ou que atinxen á Xunta, con salarios que poden descender, como no caso das obras do AVE, até os 4 euros a hora.

“Entre as situacións máis flagrantes destacan a obriga de cobraren en negro, devolveren parte do salario ao voltaren a Portugal, teren domicilios ficticios en Galiza , asinaren declaracións de xornadas de 8 horas cando poden chegar até as 20 ou contratacións camufladas de falsos autónomos. Sinalan casos de persoal que leva 15 anos traballando en Galiza coa alta aínda vixente na seguridade social portuguesa”.

“Outras, próximas á escravitude, implican o feche en pisos coa imposibilidade de saíren sen a tutela dun encargado, non facilitarlles efectivo ou o requisito de asumiren os gastos de combustíbel e rodas no caso do desprazamento en furgóns”

Situación inversa

Tamén se dan, en menor medida, casos de galegos cunha problemática similar en Portugal, así como a deslocalización de empresas galegas ao outro lado da raia para escaparen da lexislación en materia de prevención e rebaixar as condicións sociais e salariais.

Por todo isto, CIG e CGTP  marcaron unha axenda común que implicará denuncias simultáneas a norte e sur da fronteira co obxectivo de rematar cunha sobreexplotación transversal, que afecta por igual a clase traballadora de ambas nacións.

Comentarios