CIG pide penas de cárcere para un empresario por “acoso laboral e violencia de xénero”

A traballadora segue unha terapia de apoio “para superar as consecuencias” derivadas deses feitos, denuncia o sindicato.

2017-01-11 RP Nelida Pisco

Nélida Pisco vén sufrindo, desde 2009, unha situación de acoso laboral. Denúnciao a CIG, que lembra que naquel ano, tras un aborto, un embarazo de alto risco e un parto prematuro a condutora de autobús en Autobuses de Calo pare á súa primeira filla, que nace cunha enfermidade conxénita pola que precisa lactación natural. Ante isto a traballadora solicita as súas vacacións anuais máis unha redución de xornada para poder atendela. “A empresa negouse a cumprir a legalidade vixente indicándolle que o que debía facer era abandonar voluntariamente o seu posto de traballo e regresar cando tivera á filla criada para volvela contratar”, lembrou Lucía Freire, secretaria da Muller da CIG en Compostela.

Pisco, sostén a CIG, negouse a aceptar unha proposta que implicara perder o seu posto de traballo e presentou unha reclamación no xulgado do social. Este deulle razón. A resposta da empresa, denuncia a CIG, foi “negarlle traballo efectivo, deixándoa fóra das instalacións da nave que ten en Calo [Concello de Teo] , o que a obrigou a permanecer dentro do seu vehículo particular, toda a xornada laboral, durante meses. Unha nova sentenza obrigou a empresa a concretar a xornada e funcións da condutora. “Tan pronto comezou coas novas funcións, no ano 2010, foi despedida co argumento de que interfería no traballo dos compañeiros e non entregaba os partes diarios de traballo”, sinalou Freire.

Novo recurso ao xulgado, que declarou nulo o despedimento e condenou á empresa a pagarlle unha indemnización por danos morais. O 3 de xaneiro de 2011 tivo que ser readmitida aínda que as condicións distaron moito das que ditaba a sentenza. “Desde ese momento, e até o de agora, a traballadora ten que recoller o autobús nunha parada deixando alí o seu vehículo particular e sen poder ter contacto co resto de compañeiros. Ten que realizar parte da súa ruta, con tres horas polo medio sen ocupación, para rematar despois a ruta novamente nesa mesma parada. Non se lle entrega desde o ano 2009 ningún uniforme de traballo e non recibe ningún tipo de asistencia en estrada ou información sobre o desempeño deste. As vacacións tenas que solicitar sempre vía xudicial e realizar pola súa conta os cursos necesarios para manter os seus permisos ao día. Os traballadores están ameazados para que non teñan contacto con ela e mesmo houbo varios despedimentos provocados por este motivo”.

“Moobing, psicoterrorismo, hostigamento ou acoso laboral”

Inácio Pavón, da CIG, lembra que esta situación foi cualificaba pola Inspección de Traballo, en xuño de 2012, como “moobing, psicoterrorismo, hostigamento ou acoso laboral”.

O pasado día 20 de decembro a Dirección Xeral de Tráfico comunicaba a Nélida Pisco a suspensión cautelar de todos os seus permisos de conducir. A DXT adoptaba esta medida en resposta, denuncia a CIG, a unha solicitude de Autobuses de Calo (Hedegasa S.L.) -na que consideraba a esta traballadora un “risco para a seguridade da condución e para a seguridade dos viaxeiros”-. Fíxoo, afirma a CIG, “sen comprobar a veracidade desta acusación”. Nélida Pisco quedaba así nunha situación de absoluta desprotección que a empresa aproveitou para, o 28 de decembro, suspender o seu contrato de traballo.

O responsábel do sector de Transportes da CIG de Compostela Inácio Pavón denunciou que esta decisión da empresa incumpre o convenio colectivo que prevé a posibilidade de que un traballador quede sen carné de conducir. Pavón, aliás, lembrou que a condutora,  “o pasado mes de novembro obtivo a licenza para transporte de explosivos e mercadorías perigosas, para o que é imprescindíbel non padecer ningún tipo de trastorno incapacitante”.

O sindicato demanda a intervención inmediata da administración como adxudicataria da concesión das liñas de transporte metropolitano na área de Compostela.  A central sindical ten presentada unha demanda pola vía penal con solicitude de penas de cárcere para o empresario de Autobuses de Calo e máis para o encargado, “como responsábeis directos de toda esta situación, que é a que provocou que a traballadora teña que seguir unha terapia de apoio.Precisamente a situación que eles provocaron é o feito que pretenden utilizar para xustificar o seu despedimento”.

Comentarios