CIG pide paralizar as obras de Rande até que se garanta a seguridade dos traballadores

O 5 de xullo falecía nesa obra un operario no que o sindicato cualificaba como “crónica dun accidente anunciado”. Denuncia xornadas maratonianas, precariedade e baixos salarios, ao tempo que pide á Fiscalía que investiga o sinistro laboral e depure as responsabilidades que correspondan.

Protesto polas condicións laborais en Rande
photo_camera Protesto polas condicións laborais en Rande

A CIG pide a paralización inmediata das obras de ampliación da AP9 na ponte de Rande até que se garanta a seguridade dos traballadores. Unha petición, rexistrada perante Inspección de Traballo e a Xunta, adoptada a raíz da morte en accidente laboral dun traballador o pasado 5 de xullo e das condicións laborais que padecen os operarios nesta obra. Aliás, o sindicato nacionalista pide a Inspección de Traballo e Fiscalía que investigue ese sinistro no que morreu o traballador e depure as responsabilidades que correspondan.

“Esta obra ten unha media de accidentes graves superior a calquera outra obra” no país, afirma Xosé Xoán Melón, secretario nacional de CIG-Construción, que lembra que o sindicato nacionalista leva meses denunciando as condicións laborais que se viven nestas actuacións. Por iso, aponta, empresa e administracións non poden alegar descoñecemento. Morreu un traballador, dixo, “e ninguén adoptou ningunha iniciativa” para evitar que isto volva acontecer. Melónaponta responsábeis: a empresa, mais tamén a Xunta (“ten todas as competencias en saúde e seguridade laboral”) e o estado (“licitador da obra”).

Alberto Gonçalves, secretario comarcal da CIG, insistiu en que é necesario paralizar as obras de ampliación en Rande até que non se garanta a seguridade e dereitos do persoal que traballa na mesma. “A UTE impón condicións abusivas, incumpre o convenio...”, afirma. Son 300 operarios traballando para a UTE e nunhas condicións “que a administración coñece mais nada ten feito para parar eses abusos”. A morte de Nicolás G.C a quinta feira da semana pasada evidencia, indica a CIG, o nivel de “explotación e precariedade” que existe nestas obras e que se produce perante a “absoluta indiferencia” tanto da empresa como da administración.

Comentarios