Traballadoras de Extel, Premio 10 de Marzo

A CIG outorga a María López o Premio 8 de Marzo pola súa loita en Mercadona

A loita contra os abusos laborais en Mercadona levou María López a recibir, a mans da CIG, o Premio 8 de Marzo, “por non dubidar en ningún momento en exercer os seus dereitos como traballadora e por defender as súas compañeiras fronte aos abusos da dirección da empresa”.

imaxe
photo_camera Suso Seixo, María López e Marga Corral

“Mulleres como María fan grande este proxecto que é a CIG”. Con estas palabras, María López recibía a pasada sexta feira nun acto en Compostela o Premio 8 de Marzo pola súa loita contra os abusos laborais en Mercadona. A secretaria das Mulleres da CIG, Marga Corral, describiu a sindicalista como “unha muller valente que, desde o inicio, denunciou que Mercadona é unha empresa cun marcado carácter sectario, onde existe unha falta total de liberdade e onde predomina a cultura do medo”.

O sindicato nacionalista outorgoulle a María López o recoñecemento por “non dubidar en ningún momento en exercer os seus dereitos como traballadora, en defender as súas compañeiras fronte aos abusos da dirección da empresa, en facer sindicalismo e en formar parte dun modelo sindical como o da CIG, aínda sendo consciente das consecuencias que isto puidese ter para ela”.

María López sufriu desde 2010 e durante perto de catro anos unha “persecución constante, deixaron de pagarlle a prima durante varios anos e mesmo tentaron orquestrarlle un despedimento”, informou Marga Corral.

Tamén pola súa defensa da dignidade como traballadora e como nai, a CIG recoñeceu cunha mención especial o labor de Nélida Pisco. A súa loita nun sector masculinizado como é o do transporte de persoas xa recibira o Premio 8 de Marzo en 2011.

Extel, Premio 10 de Marzo

Pola outra banda, o conflito que en 2016 protagonizaron as traballadoras e traballadores de Extel contra un ERE que “desde o primeiro momento era unha fraude” recibiu o Premio 10 de Marzo.

Suso Seixo, secretario xeral da CIG, salientou que o conflito nesta empresa “exemplifican as múltiplas loitas, non poucas veces silenciadas, que ao longo do ano protagonizan as traballadoras e traballadores galegos”.

Lembranza de Elvira Patiño

O acto de entrega dos premios encetou coa emotiva lembranza a Elvira Patiño. Suso Seixo entregoulle unha figura de Julia Ares á familia da sindicalista, a quen se lle recoñeceu toda unha vida de compromiso coas clases traballadoras. A CIG lembra que Elvira Patiño Ogea foi Secretaria Confederal de Servizos do sindicato até o seu pasamento o pasado 4 de decembro.

“Desenvolveu un importante labor na defensa dos dereitos da clase obreira galega, na construción e consolidación da propia CIG, sendo fundamental o seu activismo para situar a problemática laboral e social da muller no centro do debate sindical”, salientou a central nacionalista.

Comentarios