CIG obtén o apoio de BNG e AGE á defensa da negociación colectiva en Galiza

A central nacionalista solicitou nas xuntanzas que mantivo con representantes de ambos os dous grupos parlamentares a presentación de iniciativas en defensa dun Marco Galego de Relacións Laborais.

CIG BNG

As reformas laborais de 2011 e 2012 configuran un novo marco cara a unha centralización da negociación colectiva a nivel do Estado español, afastándoa da capacidade de decisión das e dos traballadores e minguando a marxe para negociar convenios de sector na Galiza. Isto é o que denuncia a CIG, que recentemente sinalaba por boca de Xoán Xosé Bouzas, secretario nacional de CIG-Industria, nunha entrevista en Sermos Galiza que “a centralización dos convenios é o marco ideal para recortar dereitos e salarios aos traballadores galegos”.

“O contido dos convenios empeorou; os salarios nuns casos diminuíron, noutros quedaron conxelados e noutros tiveron uns incrementos ridículos"

Unha delegación da CIG, integrada polo secretario xeral, Suso Seixo, e o secretario confederal de Finanzas, Ramiro Oubiña; reuniuse con representantes dos grupos parlamentares do BNG e AGE, para alertar do grave deterioro que sofre a negociación colectiva en Galiza e solicitar a presentación de iniciativas en defensa dun Marco Galego de Relacións Laborais. Así, as reformas laborais supuxeron retrocesos en temas fundamentais como a aplicación e interpretación do convenio colectivo, a flexibilidade interna, a estrutura da negociación colectiva, a lexitimación para negociar ou a concorrencia, prevalencia, contido e vixencia dos convenios colectivos.

CIG AGE

Estatalización, "contraria aos intereses dos traballadores galegos"

Suso Seixo explicou que a prioridade dos convenios de empresa fronte aos de sector podendo rebaixar o que estes recollen, o limitar a ultraactividade dos convenios a un período máximo dun ano, a facilidade ou a liberdade das empresas para non aplicar un convenio colectivo, “teñen xerado un panorama realmente desolador”. Engadiu que “o contido dos convenios empeorou; os salarios nuns casos diminuíron, noutros quedaron conxelados e noutros tiveron uns incrementos ridículos; cada vez, inaplícanse máis convenios ou simplemente non se negocian e increméntanse as desigualdades salariais entre traballadores e traballadoras dunha mesma empresa e mesmo entre empresas dentro dun mesmo sector”.

Neste marco, a central nacionalista considera que calquera ámbito de negociación que “afaste esta dos seus directos beneficiarios e dificulte o acceso á información, a toma de decisións e o control sobre esta, debe ser desbotado”. En coherencia con isto, considera contrario aos intereses da clase traballadora e a unha dinámica que supoña o fortalecemento da negociación colectiva, “calquera proceso de estatalización dos convenios hoxe existentes en Galiza, no ámbito provincial ou de empresa”.

Comentarios