Os sindicatos da conserva avisan que convocarán novas concentracións se non se aproba un "convenio digno"

Consideran de "éxito total" as tres xornadas de folga anteriores, e aínda que expresaron o seu desexo de non mobilizarse, aseguran que as concentracións volverán se a patronal non atende ás demandas das traballadoras.
Concentración das traballadoras do sector das conservas en Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Concentración das traballadoras do sector das conservas en Vigo. (Foto: Nós Diario)

A Confederación Intersindical Galega (CIG) adiantou na terza feira que os tres sindicatos maioritarios do sector galego da conserva seguirán a convocar novas concentracións e paros entre as traballadoras se a patronal non atende a reivindicación dun "convenio digno".

Representantes sindicais das tres centrais reuníronse para avaliar as tres xornadas de folga que o sector viviu os días 21 de xaneiro e 3 e 4 de febreiro. Nelas, as asistentes reclamaron, entre outras, unha suba de soldos "que compense a perda de poder adquisitivo e que remate coa fenda salarial entre mulleres e homes".

O sindicato cualificou de "éxito total" as concentracións, "en contra do que afirma a representación empresarial". A CIG manifestou que o seguimento "masivo" dos paros por parte das traballadoras é argumento máis que contundente para "manterlle o pulso" a patronal.

Neste sentido, os representantes sindicais sinalaron que "nos próximos días concretarán un calendario coas datas e os lugares". Non en tanto, aseguran que o seu desexo é non convocar estas novas mobilizacións, sempre e cando os empresarios convoquen unha nova xuntanza da comisión negociadora do convenio "na que sexan atendidas as principais reivindicacións das persoas traballadoras do sector".

Paro "case total"

Na última das tres xornadas de folga do sector, a CIG destacou o paro "case total" de profesionais do sector. O sindicato subliñou que "o seguimento non parou de medrar dende a primeira xornada de folga, celebrada o pasado 21 de xaneiro".

Vilagarcía, Vigo, Boiro e Celeiro acolleron varias concentracións entre o 21 de xaneiro e o 4 de febreiro, nas que os sindicalistas afirmaron que a súa loita "non rematará ate conseguirmos un convenio digno para as persoas traballadoras do sector da conserva”.

Para a central, é vital que o empresariado retome "de urxencia" as negociacións. A CIG defende que para remediar os erros cometidos, a patroal debe volver ás mesas de diálogo "con vontade negociadora para acadar un acordo definitivo".

Comentarios